En marzo teremos novo xogo de Scott Pilgrim

xoves, 29 de xaneiro do 2026 Redacción

Tras o éxito do relanzamento de Scott Pilgrim vs. the World: The Game en 2021, os creadores de Teenage Mutant Ninja Turtles: Shredder’s Revenge regresan ao universo de Bryan Lee O’Malley cun novo título: Scott Pilgrim EX.
O xogo estará dispoñible para PC, Xbox One e Series X|S, PS4, PS5 e Nintendo Switch, e finalmente sabemos a súa data de lanzamento: o 3 de marzo.
Esta nova entrega é unha experiencia totalmente nova, desenvolvida por Tribute Games en colaboración co propio O’Malley. Trátase dun beat ‘em up cooperativo de ata catro xogadores cun estilo visual retro, fiel ao espírito do cómic orixinal, pero cunha historia inédita ambientada nunha versión distorsionada e caótica de Toronto.
Os xogadores poderán escoller entre Scott, Ramona, Roxie Richter, Lucas Lee, Matthew Patel, Robot-01 e outros personaxes emblemáticos da saga para combater robots, demos e outras criaturas nunha cidade fragmentada no espazo e no tempo. Cada personaxe contará cun estilo de loita único, e os combates estarán baseados na improvisación, encadear combos, armas disparatadas e ataques especiais espectaculares. A progresión virá da man de insignias que permitirán mellorar estatísticas e engadir habilidades especiais, convertendo cada partida nunha experiencia distinta.
A música, unha parte esencial da identidade da saga, volverá correr a cargo de Anamanaguchi, que comporán unha banda sonora completamente nova, mantendo a súa enerxía 8-bit e estilo hiper-melódico. O apartado artístico contará coa colaboración do recoñecido ilustrador de pixel art Paul Robertson, mentres que BenDavid Grabinski, director de Scott Pilgrim da el salto, participará como asesor creativo.
O xogo incluirá un modo cooperativo para ata catro xogadores, tanto en local como en liña, con entrada e saída libre durante a partida, fomentando unha experiencia compartida e dinámica. Os niveis estarán interconectados, ofrecendo múltiples camiños, misións secundarias e zonas ocultas por explorar.
Con Scott Pilgrim EX, Tribute Games promete unha homenaxe fiel e moderna á saga orixinal, dirixida tanto a seguidores veteranos como a novos xogadores que queiran mergullarse no universo máis punk e pixelado do cómic canadense.

Novo tráiler de Scott Pilgrim EX