En preparación un plan de benestar dixital para o uso da tecnoloxía nas aulas

mércores, 7 de maio do 2025 Redacción

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, mantivo esta mañá unha reunión de traballo con expertos nos eidos da docencia, pedagoxía, psicoloxía, tecnoloxía e medicina para avanzar na elaboración do Plan de benestar dixital do alumnado galego, co obxectivo de garantir un uso saudable, seguro e responsable da tecnoloxía nas aulas.
Durante a xuntanza, o titular de Educación destacou que esta iniciativa se enmarca na prioridade do seu departamento de contar cun documento «solvente e rigoroso» que oriente o sistema educativo nun momento marcado polo debate sobre o uso das novas tecnoloxías e pola aparición de retos como a intelixencia artificial, que esixen «equilibrios, certezas e evidencias científicas». Neste sentido, explicou que se abriu un proceso de escoita con profesionais de diferentes ámbitos para enriquecer esta folla de ruta.
O plan pretende fomentar o uso responsable da tecnoloxía e promover unha convivencia saudable cos dispositivos dixitais, co fin de garantir o benestar emocional de nenos e adolescentes, mellorar o rendemento académico e impulsar un modelo de ensino híbrido que combine os enfoques tradicionais coas ferramentas dixitais.
Os centros educativos disporán así dunha guía para promover o bo uso da tecnoloxía dentro da comunidade educativa, minimizar os impactos negativos (especialmente os emocionais), fomentar a ciberconvivencia e afrontar os desafíos que supón a integración da intelixencia artificial no ensino. Estableceranse medidas específicas para profesorado, alumnado e familias. Ademais, actualizarase o Plan de Acción Titorial para reforzar a colaboración entre titores e familias, e potenciarase o papel dos coordinadores de benestar e convivencia nos centros.
O Plan de benestar dixital responde a unha demanda da comunidade educativa no contexto da futura Lei de educación dixital de Galicia, actualmente en tramitación, unha norma pioneira tanto no ámbito estatal como europeo. Enmárcase tamén noutras accións como a renovación do programa E-Dixgal ou a recente prohibición do uso de móbiles nos espazos educativos.
Na xuntanza, presidida polo conselleiro, participaron os seguintes expertos: Antonio Rial Boubeta, profesor de Psicoloxía na USC; Susana Rey García, pediatra e presidenta da Sociedade de Pediatría de Galicia; María Dolores Fernández Tilve, profesora do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC; Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia; e Ángel Rodríguez, director do Centro de Innovación Educativa e Dixital. Tamén asistiron o secretario xeral técnico da Consellería, Manuel Vila, a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e técnicos da Xunta.