Epic Games ofrece Hogwarts Legacy de balde

venres, 12 de decembro do 2025 Marcus Fernández

A tenda de xogos para PC de Epic Games aproveitou a celebración dos The Game Awards para iniciar as súas ofertas de Nadal, con grandes rebaixas como o EA Sports FC 26 a 27,99 euros, o GTA V Enhanced a 14,99 euros, Alan Wake 2 a 14,99 euros, Red Dead Redemption 2 a 14,99 euros, Uncharted: Legacy of Thieves Collection a 16,49 euros, Assassin’s Creed Shadows a 34,99 euros ou o éxito do ano, Clair Obscur: Expedition 33 a 39,99 euros.
Pero o máis rechamante é que ata o 18 de decembro están a ofrecer de balde o xogo Hogwarts Legacy, que foi un dos principais éxitos de Warner Bros. Games nos últimos anos, e que, como reclamo para volver estar de actualidade, agasallará a todos os que teñan xogado máis de 2 horas a este título antes do 18 de decembro cun accesorio mochileiro rá de chocolate de Harry Potter en Fortnite.
Hogwarts Legacy é un xogo de rol de acción nun mundo aberto ambientado no universo dos libros de Harry Potter, que está considerado como a mellor aproximación a esta franquía dende os videoxogos, de aí que estean a preparar unha secuela que aínda non ten data estimada de lanzamento, pero que pode ser un bo motivo para darlle unha oportunidade ao xogo orixinal. Dado que actualmente tamén está en produción unha serie de televisión que adaptará os libros de Harry Potter, non sería de sorprender que esteamos ante todo un momento coordinado para revitalizar a franquía máxica de J.K. Rowling.

Hogwarts Legacy está considerado como todo un acerto á hora de levar o universo de Harry Potter aos videoxogos