Epic Games recupera a conta de desenvolvedor para a App Store

venres, 8 de marzo do 2024 Marcus Fernández

Xusto cando está a entrar en vigor a Lei de Mercados Dixitais na Unión Europa dende Apple suspenderon a conta de desenvolvedor de Epic Games Sweden AB, impedindo que poidan crear a súa propia tenda de aplicacións para iOS en Europa, infrinxindo dun xeito flagrante a lexislación que está a entrar en vigor.
Ante o acontecido, a Comisión Europea apresurouse a comentar que estaba a investigar o asunto e que pedira explicacións a Apple, e finalmente a compañía da mazá comunicouse con Epic Games e a Comisión Europea para adiantarlles que restauraría a súa conta de desenvolvedor.
O máximo responsable de Epic Games, Tim Sweeney, considera que estamos ante una grande victoria para a lexislación europea, para a Comisión Europea e para que os desenvolvedores de todo o mundo poidan falar con liberdade. O propio comisario europeo Thierry Breton celebrou este éxito empregando o cancelo #FreeFortnite.
Sweeney entende que estamos ante a superación do primeiro desafío á Lei de Mercados Dixitais, e o feito de que a Comisión Europea actuase rápido propiciou que proximamente os usuarios de iPhone en Europa poderán gozar do regreso de Fortnite e do lanzamento da Epic Games Store para os seus dispositivos.