Este ano non haberá E3

xoves, 31 de marzo do 2022 Marcus Fernández

Aínda que no mes de xaneiro anunciaron que a feira de videoxogos E3 deste ano sería virtual por mor da COVID-19, a Entertainment Software Association (ESA) publicou hoxe un comunicado anunciando a cancelación total do E3 de 2022, de xeito que a cita de referencia do sector dos videoxogos a nivel mundial non volverá a Los Angeles até 2023.
A cancelación do E3 virtual parecía máis que probable, xa que a feira carecía de sentido nese formato, xa que as compañías asistentes xa teñen os seus respectivos eventos en liña, e non tiñan incentivos para cinguirse a unha data concreta para realizar os seus grandes anuncios. De feito, as suspensións de eventos presenciais por mor do coronavirus poden resultar dramáticas, xa que as grandes compañías entenderán que non resulta rendible acudir a eventos masivos e sáelles máis a conta organizar eventos de seu (o que podería rematar traducíndose na cancelación definitiva do E3), polo que os grandes prexudicados deste cambio de tendencia serían as compañías de menor tamaño, que non teñen poder de convocatoria.
Hoxe mesmo Geoff Keighley, organizador dos The Game Awards, aproveitou a ocasión para anunciar que no mes de xuño celebrará o Summer Game Fest como unha cita para poder ver adiantos do que dará de si a industria dos videoxogos nos vindeiros meses.

PUBLICIDADE