Este luns día 6 comeza un foro sobre Comunicación e Discapacidade na web do Observatorio dos Medios

venres, 3 de novembro do 2006 Fernando Sarasketa

O Observatorio dos Medios quere amosar a súa preocupación sobre o acceso das persoas con discapacidades á información actual, e que outras organizacións, administracións, empresas e ata cidadáns de a pe amosen tamén o seu punto de vista sobre a situación. Ademais, o Observatorio vaise poñer mans á obra os vindeiros días para atopar solucións, tender pontes de accesibilidade e crebar na medida do posible estereotipos.
Estes son algúns dos grandes obxectivos do segundo foro internacional do Observatorio dos Medios, que comeza este luns 6 de novembro, tendo o punto de partida na súa páxina web. O tema principal a tratar nesta xuntanza será –como dixemos– o seguinte: Comunicación e dispacacidades.
O foro está dividido en dúas partes: unha virtual que comeza na web do Observatorio este luns 6 e dura ata o 16 de decembro; e unha xornada presenza, o 16 de decembro na Coruña, “coa posibilidade de participar en calquera das dúas de xeito gratuíto”. No punto de mira de ámbalas partes do dito encontro estarán os medios de comunicación e os servizos que dende estes se lles ofrecen ás persoas con discapacidades, persoas que teñen unha ampla presenza na nosa sociedade e que atopan en moitas ocasións información estereotipada sobre a súa problemática nos xornais virtuais ou en liña e na televisión.