Este venres chega ás tendas Paper Mario: Sticker Star para Nintendo 3DS

mércores, 5 de decembro do 2012 Marcus Fernández

Os seguidores de Mario que teñan unha Nintendo 3DS, pese a que estamos en cernes dunha ponte festiva, poderán achegarse ás tendas o vindeiro venres para facerse con Paper Mario: Sticker Star, nova aventura do fontaneiro bigotudo que é xa o seu 4ª xogo para a nova portátil de Nintendo e que destaca por contar cuns gráficos moi rechamantes, pois presenta nunha perspectiva tridimensional figuras en dúas dimensións (pois os personaxes son adhesivos) cunha aparencia un tanto caricaturizada, resultando moi simpática e agradable á vista (como xa fixera Super Paper Mario na Wii).
A historia deste xogo é tan tópica coma sempre: durante a festa anual do adhesivo en Villatina o malvado Bowser provoca a explosión do cometa Pegatina e a perda dos 6 adhesivos reais, polo que Mario, axudado pola fada dos adhesivo, Tina, terá que recuperar os adhesivos para pór as cousas en orde. Para complicar a aventura, os adhesivos quedaron pegados a Bowser e os seus secuaces, polo que atopalas e facerse con elas será todo un reto.

Álbum de cromos en edición limitada

Para celebrar o lanzamento do xogo, os membros do Club Nintendo que rexistren o xogo tras o seu lanzamento poderán solicitar un agasallo en edición limitada (10.000 unidades para toda Europa) que consiste nun álbum de cromos repleto de adhesivos, potenciadores e personaxes dos xogos de Mario que poderán combinarse con fondos coloridos para poder inventar as nosas propias aventuras de Paper Mario.

Os usuarios do Club Nintendo que rexistren o xogo a partir das 9:00 horas do venres poderán optar por un álbum de cromos
O xogo de Paper Mario ten unha curiosa aparencia froito de combinar as 3D sen lentes da consola portátil de Nintendo con personaxes 2D

PUBLICIDADE