Estréase no iPad unha nova plataforma galega de publicación de comics

mércores, 19 de outubro do 2011 Marcus Fernández

Os comics adquiridos na aplicación almacénanse nun estante virtual

O pasado verán, co gallo do certame Viñetas desde o Atlántico, presentáronse en A Coruña os Comics Cangrejo Rojo, unha iniciativa editorial centrada no iPad que busca aproveitar o tablet de Apple para distribuír comics, e que hoxe mesmo estreouse na App Store como aplicación de balde que inclúe un par de obras de mostra da colección Litteracomics: Las Terribles Salomón e Eleonora.
Este proxecto comeza con bandas deseñadas nas que adaptan relatos de Edgar Allan Poe, Jack London, Baudelaire, Pushkin, Conna Doyle, Gorki, Bret Harte, H.P. Lovecraft... aínda que non desbotan publicar outras obras no futuro, e destaca por permitir tanto a compra de exemplares soltos como coleccións abertas (de xeito que pode pagarse un prezo reducido por adiantado, coa garantía de que cada colección terá un mínimo de 20 números). A colección completa de Litteracomics figura actualmente a un prezo de 1,59 euros, o que resulta moi atractivo para quen guste deste tipo de obras.
O éxito de vendas é o que definirá o ritmo das coleccións e o catálogo que irá conformando esta editorial electrónica centrada nunha aplicación dividida en 3 partes diferenciadas: unha tenda na que facerse coas publicacións, un estante no que gardar os comics adquiridos e un visor de comics no que poden pasarse as páxinas, facer zoom, seleccionar o idioma dos textos (español, inglés, francés, xaponés e chinés), escoitar a narración sonora do texto literario adicional e compartir a experiencia de lectura a través de redes sociais.
O impulsor deste proxecto é Moncho Corrochano, quen conta inicialmente cos ilustradores Pedro Espinosa e Bernat Costa para dar vida a guións de César Galiano.

Os comics inclúen texto en varios idiomas e narración de audio da obra orixinal

PUBLICIDADE