Estruming Days: novas xornadas con piares nas TIC e na potencialidade do noso rural

luns, 23 de setembro do 2013 Fernando Sarasketa

A equipa de Anias Xestión, co-responsábel da organización destes eventos tecnolóxico-culturais

O hórreo habitábel, a xeito de suite conectada e perfectamente equipada para levar unha vida digna e sinxela, que descubrimos en Código Cero da man do estudo de deseño Cenlitrosmetrocadrado, foinos preparando a nivel inconsciente para a información que nos chega este luns do Consello da Cultura Galega, que nos pon sobre aviso de que os vindeiros 27 de setembro, 25 de outubro e o 29 de novembro vanse celebrar en Pontevedra unhas iniciativas para ver até onde pode chegar o resultado de mesturar e entrecruzar dous conceptos que para moitos aínda teñen algo de contraposto: TIC e rural galego. Falamos das xornadas Estruming Days, que se convocan por vez primeira este anos e cuxo xermolo, informa o CCG, está no labor xerado polo equipo organizador Anias Xestión Sociocultural) destes eventos coa mancomunidade de montes do Salgueiral, en Pontevedra.
Aí tamén se xerou o nome destas xornadas, unha cousa que pode semellar moi inglesa pero que non podemos esquecer que alude a algo tan noso e identificativo das nosas xeiras no monte coma o estrume (ou batume), que é o resultado de apañar vexetación para estender na corte. Que ten que ver isto coas novas tecnoloxías? Pois para os organizadores desta iniciativa, está claro que a Sociedade da Información tamén está chea de batume e monte baixo para apañar, e que moitas veces esta riqueza pode chegar a estar en montecomún, polo que é aínda máis beneficiosa. Segundo explica o CCG, o termo veu da man do colectivo de montes do Salgueiral, que atopou sen dúbida interesantes analoxías entre o xeito ancestral de xestionar o monte galego e as novas formas de crear, compartir e divulgar coñecemento e tecnoloxía (moito disto hai, tamén, no proxecto O monte é noso, do que temos falado polo miúdo en Código Cero).
Entre as firmas convidadas a estes encontros atopamos o devandito estudo Cenlitrosmetrocadrado, que amosará os seus deseños exclusivos xunto con Woodglass, Saborplace, Elogia, Orballo Innovacións Forestais ou Adegas Fermenta. Canda a eles participarán empresas vencelladas ás novas tecnoloxías como o estudio de deseño Ailalelo, centrado en aplicacións multimedia e para móbiles e facendo especial fincapé en clientes do agro. Tamén participa Xosé Bangueses, director do MexilOnseTuits ou empresas que xestionan talento freelance para novas iniciativas empresariais xurdidas dos campus ou centros de investigación.
Os eixes temáticos dos Estruming Days, como dixemos, serán por unha banda as actividades máis propias do noso eido rural e, pola outra, conceptos como novas tecnoloxías da información, novos nichos de mercado, deseño ou proxectos multidisciplinares.

PUBLICIDADE