Estudantes do Campus Terra crean unha plataforma para reivindicar e visualizar a cultura do rural
mércores, 10 de xaneiro do 2024
Un grupo de estudantes do Campus
Terra (Campus de Lugo) da Universidade de Santiago veñen de
mobilizar recursos e coñecementos tecnolóxicos para revitalizar o
medio rural e dar a coñecer a súa oferta de lecer, cultural e
divulgadora. Fixérono a través da nova plataforma GA-LINK,
premiada na terceira edición do Terra Creative Jam, evento de
xeración de ideas promovido polo Campus xunto coa Área de
Valoración, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC en
colaboración coa incubadora Lug Open Factory. Trátase, sinala a
USC, dunha iniciativa para contrarrestar a deslocalización e o
descoñecemento que existe sobre a actividade do noso rural.
A idea impulsada nun inicio por cinco estudantes
do Campus Terra, pero á que na actualidade dan continuidade tres
estudantes do grao en Robótica na Escola Politécnica Superior de
Enxeñaría de Lugo pretende “dar a coñecer dunha maneira directa
todas as actividades, produtos e todas as experiencias que ofrecen os
pequenos pobos de Galicia”.
GA-LINK xurde en resposta, cando menos en parte,
ás necesidades advertidas por Juan Hernández, Gabriel Barrigón e
Abel Belhaki, tres estudantes procedentes de Albacete, Cáceres e
Murcia, respectivamente, que na súa estadía en Lugo botan en falta
a dispoñibilidade dunha axenda en tempo real que “permita que
calquera poida consultar desde o seu móbil que é o que está a
suceder ao seu ao redor”, sinalan, poñendo o foco noutra das
vantaxes da tecnoloxía desenvolvida: ofrecer a pequenos concellos,
aldeas e empresas unha plataforma aberta para darse e a coñecer e
atopar so seu sitio no mapa.
A plataforma parte dunha interface “moi simple e
intuitiva” na que calquera usuario pode consultar todos eses
eventos, festas e atractivos que pode atopar preto da súa
localización. Trátase, explican, “dunha sorte de mapa colectivo
no que profundar nas paixóns e afeccións individuais, relatan estes
universitarios”.
Os promotores de GA-LINK entenden que o carácter
aberto, transparente e colectivo desta plataforma pode representar un
revulsivo para o rural, pois “estamos diante dunha ferramenta
tecnolóxica que ten capacidade para conectar á comunidade local con
turistas potenciais, aos que ofrece unha visión completa da oferta
existente, o que pode contribuír ao desenvolvemento sustentábel e
ao medre do turismo rural na comunidade”.
Os tres estudantes que lideran o proxecto GA-LINK
sosteñen que, a curto prazo, o futuro da plataforma é acabar o MVP
(siglas en inglés de produto mínimo viábel). A partir de aí,
confían en presentar a proposta a investidores, pero tamén ao
Goberno galego. Con esas bazas debaixo do brazo, estes estudantes do
Campus Terra da USC pasarían a potenciar a capacidade da plataforma
ampliando o catálogo de pobos, eventos e lugares incluídos en
GA-LINK. A longo prazo, entre os seus desexos está chegar a todas as
comunidades españolas e, no horizonte final, mesmo ao estranxeiro.