Euskadi: capital europea para a Sociedade da Información en 2010

luns, 29 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

As redes de coñecemento, se cadra por seren dificilmente identificables cun espazo físico concreto, van ter cada ano unha sede xeográfica diferente. Polo menos, así vai ser a nivel das administracións locais europeas. Se os días pasados foi Nápoles quen ostentou este privilexio de figurar como sede europea da Sociedade da Información, xa sabemos quen se converterá en 2010 en capital das novas canles dixitais: Euskadi. Esta iniciativa, posta en marcha pola Unión Europea como unha gran conferencia de concellos, provincias e países de todo o continente, ten o obxectivo principal de promover o desenvolvemento das tecnoloxías da información a nivel local.
No caso de Euskadi, a iniciativa correrá en boa medida a cargo de EUDEL, a asociación de concellos vascos, quen vén de recoller a testemuña de mans da propia alcaldesa de Nápoles, no eido mesmo da conferencia europea das redes dixitais alí celebrada. Segundo se conta en Diario Vasco, a entidade vasca ten programadas xa unha serie de iniciativas para darlle un novo pulo á Sociedade da Información no eido dos concellos, tanto polo ben da propia cidadanía dixital e a eAdministración, como para ir preparando o terreo mesmo da devandita celebración.
Entre estas iniciativas cóntase o proxecto de manter abertos os concellos as 24 horas da xornada e os 365 días do ano, grazas en boa parte á concorrencia dos servizos da Internet. “Queremos dar formación aos cidadáns en novas tecnoloxías, dotar a empresas e cidadáns de mellores accesos a Internet, diminuír a fenda dixital e abrir as institucións á cidadanía”, comentou Jokin Bildarratz, presidente de EUDEL, no transcurso da conferencia desenvolvida en Nápoles.

PUBLICIDADE