Eva Riveiro e Gustavo López, gañadores do I Concurso Literario Infantil sobre Protección de Datos

mércores, 28 de xuño do 2017 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria veñen de fallar a primeira edición do Concurso Literario Infantil sobre Protección de Datos, un certame encamiñado a fomentar e divulgar entre a nenez e a adolescencia as vantaxes de efectuarmos navegacións seguras e salvagardar e respectar a información e as comunicacións, tanto a propia coma a dos demais. A iniciativa atinxiu a rapazas e rapaces de 1º a 4º de ESO, ambos cursos inclusive, estudantes en centros escolares sostidos con fondos públicos de Galicia.
Na categoría 1º-2º ESO a gañadora foi Eva Riveiro Formoso, de 2º da ESO, grazas ao seu traballo Oinc. Eva estuda no Colexio Compañía de María, Santiago de Compostela.
Na categoría 3º-4º ESO o gañador foi Gustavo López Leyenda (4ª ESO) co traballo PISOTE. Gustavo estuda no Colexio CPI de Cova Terreña, Baiona, Pontevedra.
Segundo informa o CPEIG, o centro educativo con meirande taxa de participación no certame foi o Colexio Compañía de María, Santiago de Compostela.
En palabras da entidade profesional, o obxectivo final do concurso é “contribuír a que a sociedade galega tome conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos, nomeadamente os menores de idade”. Tanto a Xunta coma o CPEIG consideran que “cómpre promover o coñecemento entre a cidadanía sobre cales son os seus dereitos e responsabilidades en materia de protección de datos”.
Requirimentos
Ao abeiro dos requirimentos da convocatoria, amais de cursar os estudos xa sinalados, os xéneros literarios cos que se podía participar foron o artigo periodístico, a exposición divulgativa (entrada de blogue ou artigo de divulgación) e conto ou relato curto. O referente sinalado polas entidades convocantes foi o Protocolo de Protección de Datos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (educonvives.gal) e as publicacións da Axencia Española de Protección de Datos.
Os rapaces gañadores recibiron unha tableta e os seus centros educativos, un kit de robótica para a súa aula. Asemade, o Colexio Compañía de María de Santiago de Compostela mereceu un recoñecemento como centro cunha maior participación no certame.

PUBLICIDADE