Éxito de participación na I edición na UDC de Oracle for Girls
luns, 9 de marzo do 2026
A Facultade de Informática da UDC acolleu este sábado a iniciativa Oracle for Girls, unha xornada organizada no marco do 8-M e orientada a promover a igualdade de xénero no ámbito científico e tecnolóxico e que foi clausurada polo reitor da UDC, Ricardo Cao.
Cao destacou a boa acollida desta iniciativa, que espertou moito interese, o que supón “un bo sinal” e que “oxalá moitas das asistentes a esta xornada se sumen no futuro a algunha das titulacións STEM que temos na UDC”.
“Desde a UDC”, engadiu, “seguiremos avogando e traballando por incorporar máis mulleres a estas titulacións, o que sen dúbida enriquecerá a formación, xa que sen elas hai unha parte do mundo que no está representado”.
A actividade estivo dirixida a nenas de entre 4 e 16 anos e ten como obxectivo principal espertar vocacións no eido STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas).
Ao longo da mañá e divididas en grupos por idades, dado que ían dos 4 aos 16 anos, participaron en obradoiros prácticos centrados en áreas clave como a programación, a robótica, a intelixencia artificial e outras tecnoloxías emerxentes.
De maneira complementaria, desenvolvéronse charlas informativas dirixidas ás nais e pais das participantes, orientadas a facilitar información sobre as posibilidades formativas e profesionais no ámbito STEM e sobre a oferta académica da Universidade da Coruña.
Polo que respecta ás charlas, abordouse a importancia de fomentar as vocacións STEM nas nenas, visibilizando referentes femininos na ciencia e a tecnoloxía ao longo da historia. Unha palestra que correu a cargo de Verónica Bolón, profesora de Ciencias da Computación da UDC. Pola súa banda, Gema Vázquez, coordinadora da Área de Enxeñaría de Software na empresa Aldaba, falou da fenda de xénero nas titulacións TIC, unha exclusión que provoca tecnoloxía nesgada, perda de talento e un sector que deseña o futuro sen representar á metade da sociedade.
Por último, Paula Castro, profesora de Informática e adxunta de Empregabilidade da UDC, ofreceu información sobre as titulacións STEM, as súas saídas profesionais e o acompañamento ás futuras estudantes na súa elección académica, reforzando o compromiso da UDC coa igualdade de oportunidades e o futuro profesional das mozas.
