Facebook e Instagram non poderán activar as súas funcionalidades electorais en España
venres, 31 de maio do 2024
- As plataformas sociais de Meta activan funcionalidades sobre os comicios electorais dende hai bastante tempo
A Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) vén de ordenar unha medida cautelar contra Meta para que, de xeito inmediato e ante as vindeiras eleccións ao Parlamento Europeo, suspenda a posta en marcha no territorio español das súas funcionalidades Election Day Information e Voter Information Unit, e a recompilación e o tratamento de datos que implica o uso das mesmas.
A AEPD considera que o tratamento de datos previsto por Meta supón unha vulneración do Regulamento Xeral de Protección de Datos (GRPD) e, cando menos, incumpriría os principios de protección de licitude, minimización de datos e limitación do prazo de conservación.
Estas dúas funcionalidades pretendían achegar aos usuarios de Facebook e Instagram información sobre as eleccións da UE, para o que tratan información dos cidadáns sobre a súa interacción con estas funcionalidades, o que permitiría elaborar perfís máis complexos, detallados e exhaustivos, xerando tratamentos máis intrusivos, ou sexa, que as vantaxes da información electoral en plataformas sociais non compensarían os seus riscos.
Con esta medida urxente a Axencia quere evitar a recompilación de datos, o perfilado dos usuarios e a cesión a terceiros, impedindo así que os datos persoais poidan empregarse por responsables descoñecidos e para finalidades non explícitas.