Facebook introduce as pausas publicitarias nos vídeos en directo

xoves, 23 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

Tras un período de probas de varios meses dos anuncios dentro das retransmisións de vídeo, Facebook decidiu abrir o seu programa a todos os editores da súa Audience Network, de xeito que as compañías xa poden entregar anuncios de vídeo a usuarios de todo o mundo a través da web e do móbil.
Esta nova solución publicitaria facilitaba a entrega de anuncios de vídeo antes e despois dos vídeos, pero agora están a levar a experiencia a outro nivel, de xeito que xa hai un grupo de creadores de vídeo que están a probar pausas publicitarias nos seus vídeos de Facebook Live, ou sexa, que no medio das retransmisións podermos atopar cortes programados polos emisores dos vídeos nos que se introducen anuncios breves, compartíndose os ingresos desta publicidade entre Facebook (45%) e o retransmisor (55%), facilitando así a rendibilidade da creación de contidos audiovisuais para Facebook.
Polo momento as pausas publicitarias estarán en probas só nos EE.UU. para creadores que teñan un mínimo de 2.000 seareiros e conseguisen chegar aos 300 espectadores simultáneos nalgúns dos seus vídeos en directo recentes. De feito, cando unha retransmisión chegue aos 300 espectadores simultáneos é cando aparecerá unha icona con símbolo do dólar que, de premer sobre a mesma, activarase a pausa publicitaria, sendo a primeira das mesmas cando o vídeo leve como mínimo 4 minutos, e tendo que distanciarse as pausas un mínimo de 5 minutos. Estes bloques publicitarios poderán durar até 20 segundos, polo que non deberían resultar moi molestos e suporían un interesante incentivo para a creación de vídeos en directo a través de Facebook.
Estes días irán introducíndose a páxinas e perfís de Facebook neste programa publicitario, recibindo unha notificación os que poidan optar ao mesmo, esperando dende a compañía de Mark Zuckerberg que pronto poida levarse esta solución a outros países.

PUBLICIDADE