Fan unha copia de seguridade de Spotify

luns, 22 de decembro do 2025 Marcus Fernández

Un proxecto de preservación de contido en soporte dixital, Anna’s Archive, que distribúe conxuntos de datos a través da rede de intercambio de ficheiros BitTorrent, sorprendeu esta fin de semana anunciando que conseguiron realizar unha copia de seguridade de Spotify.
Aínda que o proxecto normalmente se orientaba a contidos de texto, tras atopar un xeito de extraer contidos de Spotify a grande escala decidiron realizar unha copia o máis completa posible, para que poida servir como un arquivo de preservación musical.
A colección que crearon contén preto do 99,9 % dos metadatos dos 256 millóns de pistas musicais que estiman que almacena Spotify, descargando os ficheiros musicais máis populares (que representan o 99,6 % das escoitas) o que supón 86 millóns de ficheiros musicais en formato OGG Vorbis a 160 Kbps (nos ficheiros máis populares, limitando a 75 Kbps a calidade dos ficheiros con menos reproducións) que ocupan preto de 300 TB. Un dos argumentos esgrimidos para mon facer unha copia máis exhaustiva con calidade completa é que unha parte moi significativa da música que carece de popularidade está xerada mediante IA.
Só os metadatos extraídos de Spotify (que xa teñen un grande valor de cara á preservación da información musical) xa ocupan 199,9 GB, estando bastante replicados na Internet (ao que en breve seguirán os ficheiros musicais e incluso as portadas dos álbums), polo que podemos estar ante unha iniciativa que acade unha escala semellante á de Z-library, o que probablemente se traduza nunha resposta contundente por parte da industria musical, que pode ver a preservación musical como piratería.