Fíltranse os plans de Xbox até 2030
martes, 19 de setembro do 2023
Microsoft
está a vivir un dos seus peores momentos no que se refire a filtracións,
coincidindo no tempo dous incidentes que poden suporlle moitos problemas a
longo prazo: por unha banda Wiz Research atopou un fallo de seguridade por
parte do equipo de IA de Microsoft que expuxo
accidentalmente uns 38 TB de datos privados (da compañía, non dos
usuarios); e por outra banda filtrouse
documentación sobre os plans de futuro de Xbox remitidos á FTC e que
chegaron á luz pública incluíndo información confidencial.
Esta
última filtración incluía numerosos correos electrónicos de executivos como
Phil Spencer, sendo Microsoft a parte culpable da mesma por non asegurar
debidamente o envío dos ficheiros, aínda que o propio Phil Spencer xa saíu a
comentar que os corres e os documentos que se filtraron son vellos, polo que non se corresponden
cos plans actuais da compañía, que os desvelará cando sexa o momento
oportuno.
En calquera caso resulta innegable a documentación filtrada, pois adianta as
intencións da división de videoxogos de Microsoft de aquí a 2030, data na que
pretenden chegar aos 100 millóns de subscritores de Game Pass (que actualmente
podería estar por enriba dos 33 millóns). Tamén teñen claro que deben centrar o
rumbo no negocio das consolas (xa que é o compás que emprega o sector);
pretenden que o novo mando de Xbox sexa realmente o produto estrela (xa que
sería o único necesario para xogar en calquera dispositivo); e prevén que,
aínda que as consolas contarán con máis da metade dos xogadores, o xogo na nube
podería superar ao de PC antes do salto á vindeira xeración de consolas.
Entre os produtos que estarían en preparación por parte de Microsoft destacaría
unha nova Xbox Series X, que mantería o seu formato de torre, pero en vez de ter
unha base cadrada optaría por un deseño cilíndrico, en boa medida porque
prescindiría de unidade de discos ópticos; e o mencionado novo mando de Xbox
tamén sería toda unha revolución, xa que tanto podería empregarse para
conectarse sen fíos a unha consola Xbox, como para usarse como mando Bluetooth
en distintos dispositivos ou para comunicarse directamente coa nube (na liña do
que facía o mando de Google Stadia), de xeito que converteríase na peza máis
importante da familia Xbox. Este novo mando podería saír antes de xuño de 2024,
mentres que a Xbox Series X sen disco óptico e con 2 TB de almacenamento
interno estaría prevista para outubro de 2025.
Resulta evidente que uns plans a tan longo prazo non están escritos en pedra, e
cousas como a compra de Activision Blizzard teñen un impacto nos plans de Xbox
a longo prazo, polo que haberá que ver como vai progresando a situación, pero de
chegar a bo porto o que pretenden co novo mando de Xbox estariamos ante un
cambio moi importante a nivel estratéxico, e podería entenderse a lexitimación
do modelo de Google Stadia, que tería fracasado máis pola falta de compromiso
de Google que polo concepto que pretendía materializar a longo prazo.