Finetwork confía na experiencia de Optare para a transformación dos seus sistemas OSS

martes, 12 de marzo do 2024 S. P.

A operadora española Finetwork, que presta servizos de fixo e móbil a nivel nacional, continúa a súa senda de crecemento tras superar os 145 millóns de facturación no ano 2023. A empresa quere dar un novo paso no seu proceso de medre ao confiar á empresa galega Optare Solutions a transformación dos seus sistemas de soporte á operación (OSS).
Este proxecto, iniciado o ano pasado, permitirá á compañía con sede en Elda (Alacante) axilizar a creación de novos servizos de rede e dixitais, reducindo o estafe-to-market e os custes de operación e evolución.
Como parte da colaboración con Finetwork, a consultora galega está a implantar novas solucións para a orquestración e inventario de recursos e servizos, unha ferramenta Field Service Management, integración con provedores de servizos dixitais, así como unha nova arquitectura de integración baseada nas últimas tecnoloxías de nube e microservizos.
Para a solución de Field Service Management, Optare colabora con Netboss para achegar “unha solución flexíbel e escalábel que permita a xestión das operacións en campo e a automatización dos procesos de xestión”.
O director de tecnoloxía de Finetwork, Carlos Valero, destaca: “Eliximos a Optare Solutions polo seu coñecemento da tecnoloxía e o negocio das telecomunicacións, especialmente no ámbito dos servizos de fibra óptica. Ao longo destes meses demostráronnos o seu valor, facilitándonos a execución dun proxecto complexo, achegando o seu coñecemento, activos e experiencia”.
Pola súa banda, Luís Sestelo, director executivo de Optare, declarou que “esta colaboración é un proxecto clave tanto para Finetwork como para Optare. Estamos a despregar unha arquitectura optimizada para o modelo de negocio de Finetwork que facilitará o crecemento da compañía e importantes melloras e eficiencias na operación e o lanzamento de novos servizos”.

PUBLICIDADE