Francia declara a guerra á lingua inglesa no ámbito dos videoxogos

martes, 31 de maio do 2022 Marcus Fernández

A influencia do inglés nos ámbitos tecnolóxicos é innegable, e en Francia queren resistirse á degradación da súa lingua coa incorporación de termos innecesarios, de aí que agora a Academia Francesa cargue contra o abuso do inglés no sector dos videoxogos publicando unha escolma de termos moi empregados xunto coa súa tradución correcta ao francés. Este glosario vén de publicarse no Diario Oficial da República Francesa, polo que enténdese que nas publicacións oficiais deberán seguilo no futuro, como unha medida para manter a pureza da lingua.
Se facemos un repaso dos termos recollidos polo Diario Oficial, vemos como o mesmo contaxio lingüístico tamén se produce no español e no galego, de xeito que é habitual ver como se chama casual ao xogo ocasional ou adoptarmos siglas como FPS (first person shooter) para definir aos xogos de tiros en primeira persoa, aínda que sorprende que en Francia adopten medidas dende a Administración para loitar contra os anglicismos. De feito, non se limitan ao sector dos videoxogos, senón que tamén combaten expresións relativas ao consumo audiovisual en liña (bing watching, video on demand) ou á prensa (fact checking). Unha guerra que dificilmente pode gañarse mediante normas, e que precisa dun grande esforzo para superar a inercia dos vocábulos importados.

PUBLICIDADE