Francisco Bellas (CITIC) achéganos este 4 de xuño ao impacto da IA nas aulas

xoves, 4 de abril do 2024 S. P.

No marco do ciclo de conferencias divulgativas que leva por título Tecnoloxía con sentidiño, o investigador do CITIC Francisco Bellas achegaranos o vindeiro 4 de xuño unha charla sobre a transformación da práctica docente baixo o epígrafe: Educación na era da Intelixencia Artificial: vaiamos a modo. A conferencia poderase seguirse tanto de xeito presencial, no auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia, e en streaming a través da canle de Youtube da Consellería de Educación, Formación Profesional e Universidades.
O investigador do CITIC, Francisco Bellas, leva máis dun lustro traballando no desenvolvemento de currículos e ferramentas para a educación en Intelixencia Artificial (IA), un ámbito no que o uso das tecnoloxías está sendo obxecto dun amplo debate na actualidade. Considera que a formación en IA debe estar incluída no Plan de Educación Dixital, ten que comezar na Educación Primaria e cubrir tódalas etapas posteriores, xa que esta vai ser fundamental para as futuras xeracións. Igualmente, cre que “é necesario unha formación nas bases da IA debe ter como primeiro destinatario ao profesorado, que debe comprender que é, as súas vantaxes e os seus riscos, porque eles (os docentes) son os primeiros que deben ter eses coñecementos para formar ao alumnado”. Porén, necesitan un plan estruturado, medios e apoio para levalo a cabo”, sinala Bellas.
Proxectos educativos
O CITIC a través dos seus investigadores Francisco Bellas e Sara Guerreiro, atópase traballando en diversos proxectos de Intelixencia Artificial no ámbito educativo, que abranguen dende a Primaria ata a Universidade, incluída a Formación Profesional. Dous deles forman parte do programa da UE Eramus+, que permitiron á UDC crear unidades formativas de IA que logo se aplicaron en centros escolares de varios países europeos. Así mesmo, os investigadores forman parte dun grupo de traballo da Consellería de Educación para o deseño de contidos e materias de IA para o currículo oficial.
Neste senso, a alfabetización en IA para a mocidade é unha das estratexias claves para o CITIC da UDC, que conta con diversas liñas de investigación destinadas a favorecer a divulgación, integración e o uso axeitado das novas ferramentas tecnolóxicas, entre elas o robot educativo Robobo, que se desenvolveu para dar resposta a escaseza a de instrumentos neste ámbito. Porque, tal e como sinala Francisco Bellas, “o impacto da IA require tempo. Primeiro hai que facer unha análise ética para ver como esas ferramentas se van incorporando na educación, pero sempre dun xeito paulatino. As ferramentas de IA deben axudar no proceso, é dicir, o alumno debe aprender coa IA, non que a IA aprenda por el”. Precisamente, neste punto vai incidir a conferencia que o investigador do CITIC imparta dentro do II Ciclo de Cultura Científica promovido pola Xunta de Galicia, coa finalidade de analizar distintos aspectos relacionados co uso das tecnoloxías nas aulas e súa relación coa aprendizaxe dos estudantes, que comeza este xoves 4 de abril en Santiago de Compostela.
No marco deste ciclo Tecnoloxía con sentidiño, o investigador falará como dixemos sobre Educación na era da Intelixencia Artificial: vaiamos a modo.
Francisco Bellas recorda que o impacto da IA na educación ten “especial relevancia, xa que cambiará o xeito de ensinar coa tecnoloxía” , sen perder de vista que “o profesor debe estar sempre no centro”. Tamén destaca que coas ferramentas da IA pasará “como no seu día coa calculadora, que acabarán sendo un apoio no proceso de aprendizaxe”. Neste senso considera que intelixencias xerativas como o ChatGPT “deben integrarse no sistema educativo xa que a súa prohibición non será posíbel, pero para iso será necesario cambiar parte das metodoloxías actuais”.
E engade: “Veñen tempos de cambio, pero poden xerar moitas oportunidades. Eu estou convencido que se se poñen os medios necesarios o profesorado subirase á roda da IA”, conclúe o investigador do CITIC, quen resalta a aposta do Centro de Investigación en TIC da UDC pola integración da Intelixencia Artificial en todos os niveis educativos.