Galaxia achega gratuitamente dende a súa web as primeiras páxinas das súas novidades

luns, 30 de xullo do 2012 Fernando Sarasketa

A Editorial Galaxia, logo da apertura da súa Aula Virtual e de anunciar a posta en marcha dun selo 2.0, segue a espremer a cuestión dixital na procura de novos xeitos de chegar aos lectores e ao mundo. O novo froito desta arela de levar a literatura galega a calquera recanto onde haxa seareiras/os conectadas/os é O Libro do Mes, unha sección acabada de incorporar á páxina web de seu onde os internautas poderemos, premendo nela, descargar de balde algunhas páxinas das novidades que publique a editorial.
Este servizo gratuíto para permitirnos facer no virtual o que facemos dende tempos inmemoriais en calquera libraría a nivel físico (follear o libro que nos interesa á busca de sinais que nos animen a facernos con el), bota a andar co primeiro capítulo da novela de Xavier Alcalá Verde oliva. Dende esta sección, informa Galaxia, os lectores e lectoras poderán acceder a un pdf interactivo “que, ademais de ofrecernos ese primeiro capítulo, nos leva, se así o queremos, á ficha do autor e do libro”.
Amais de todo isto, na sección Novidades da devandita páxina web crearase “un reservorio” no que se irán acumulando todos estes materiais para que quen visita a web de Galaxia poida ler, cando guste, parte dos libros que se teñan ofertado nesta proposta dixital que funciona en calquera dispositivo (ordenador, iPad, móbil...) con conexión a Internet.