Galicia Avanza facilita a internacionalización dunha empresa de solucións intelixentes para o sector agropecuario
martes, 17 de marzo do 2026
O programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas Galicia Avanza (impulsado polo IGAPE e a Tecnópole de Ourense para impulsar a saída ao exterior das nosas empresas), facilitou a saída a Europa, na súa cuarta edición (na que participan 30 empresas), da firma ourensá Gómez y Crespo, dedicada ao desenvolvemento de produtos innovadores para o sector agropecuario e para afeccionados á agricultura. Destacan pola súa integración tecnolóxica mediante sensores, monitoraxe e aplicacións para móbiles.
Para o sector agropecuario profesional Gomez y Crespo comercializa bebedoiros automáticos, forraxeiras e sistemas de alimentación para avicultura, cunicultura e outras especies gandeiras. Os seus produtos caracterízanse pola resistencia dos materiais, o uso de tecnoloxía avanzada e un deseño enfocado na mellora da eficiencia produtiva das explotacións. Estas solucións, de deseño propio, xa se comercializan amplamente en España e Portugal.
Ademais, desenvolve produtos específicos para usuarios particulares con pequenas explotacións domésticas ou semiurbanas, motivados polo autoconsumo, afección ou benestar animal. É o caso de galiñeiros intelixentes, con paneis e sensores conectados a unha aplicación móbil; coelleiras tecnolóxicas con control ambiental dixital; forraxeiras de precisión, equipadas con sensores dixitais para monitorizar o consumo de alimento; ou aviarios ornamentais conectados, que permiten controlar parámetros como temperatura, humidade e alimentación.
Por outro lado, a firma ten unha liña orientada ao cultivo urbano e doméstico, en resposta á crecente demanda de solucións respectuosas co medio natural e eficientes, como mesas de cultivo con sistemas de hidroponía. E ofrece outra liña especializada en produtos para mascotas, con solucións innovadoras como bandexas sanitarias, hamacas, WC automáticos para coellos ou gatos, comedeiros e bebedoiros.
Xa consolidada no mercado nacional, o 45% da súa facturación global procede das exportacións. O plan de internacionalización de Galicia Avanza enfocouse nunha primeira fase a Italia, Reino Unido, Alemaña, Polonia e Francia. Ademais, de cara a unha futura internacionalización, realizáronse prospeccións de mercado en rexións de gran dinamismo comercial e potencial de crecemento como Marrocos, Alxeria e Emiratos Árabes Unidos.
