Galicia Calidade viaxará ao espazo nun vehículo de transferencia orbital deseñado pola galega UARX Space

mércores, 8 de abril do 2026 S. P.

A marca Galicia Calidade viaxará ao espazo no primeiro vehículo de transferencia orbital deseñado en España pola empresa galega UARX Space, e que se lanzará nos vindeiros meses desde a base aérea de Vandenberg, en California.
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou este martes 7 de abril as instalacións desta empresa en Porto do Molle, en Nigrán (Pontevedra), onde salientou que UARX Space “é unha firma única en España” e “está entre as cinco de todo o mundo en fabricar este tipo de sistemas propios capaces de manobrar no espazo”.
OSSIE (Orbit Solutions to Simplify Injection and Exploration) nas súas siglas en inglés, é un vehículo de transferencia orbital deseñado para transportar satélites pequenos e medianos a diferentes órbitas e facilitar, así, que cheguen ao seu destino final. Permitirá a inxección de satélites en órbitas terrestres non tradicionais, ao redor da lúa e en traxectorias ao espazo profundo.
Lorenzana quixo manifestar o “orgullo inmenso” de toda Galicia por este fito que vai conseguir UARX Space, unha empresa “con moitísimas posibilidades de crecemento dentro do momento económico e industrial actual”, dixo. “Seguiremos acompañándoa -subliñou-, porque, dentro da Estratexia de Seguridade, Defensa e Aerospazo é unha das empresas que ten maior potencialidade na comunidade autónoma”, concluíu.
A empresa UARX Space é un referente galego e internacional en solucións de loxística de transporte en órbita, misións compartidas e lanzamentos dedicados para pequenos satélites.