Galicia Nomeada será unha das grandes protagonistas da VI Xornada da Comisión de Nomes Xeográficos
mércores, 2 de agosto do 2023
A Cidade da Cultura acollerá o 21 de setembro a
VI Xornada da
Comisión Especializada de Nomes Xeográficos, organismo do
Instituto Xeográfico Nacional no que participa a Real Academia
Galega (RAG) xunto a outras institucións de todo o Estado. O
encontro reunirá por primeira vez en Galicia algúns dos maiores
expertos en toponimia e cartografía de España. A RAG e a
Xunta colaboran na organización da cita, que se centrará na estreita
relación existente entre os nomes xeográficos e mundo dixital. A
escolla da nosa terra para ser a anfitrioa desta xuntanza de
especialistas en cartografía e toponimia débese en parte á
experiencia do portal Galicia
Nomeada, a plataforma para a salvagarda do patrimonio inmaterial
toponímico posto en marcha pola RAG e a Xunta (Consellería de Cultura, Secretaría Xeral de
Política Lingüística), sendo xa un referente na colaboración
entre institucións cunha base integramente dixital.
Como lembraremos, desde a súa estrea a finais de
2019, Galicia Nomeada aglutina nun mesmo espazo máis de medio millón
de topónimos e microtopónimos xeolocalizados e dispoñíbeis para
consulta, 60.000 deles achegados polas máis de 3.100 persoas
colaboradoras inscritas na actualidade.
Galicia Nomeada será unha das protagonistas do
programa, que contará tamén con voces expertas das diferentes
comunidades autónomas que forman parte da Comisión Especializada de
Nomes Xeográficos para achegaren información sobre os traballos que
ligan o mundo dixital coa toponimia nos seus ámbitos de actuación.
O público que desexe asistir pode inscribirse na
ligazón específica habilitada até o 11 de setembro.
O programa incluirá, entre outros relatorios,
unha intervención sobre Galicia Nomeada a cargo do coordinador da
unidade técnica de toponimia do Seminario de Onomástica da Real
Academia Galega, Vicente Feijoo, que representa a RAG na Comisión
Especializada de Nomes Xeográficos xunto á académica
correspondente Luz Méndez; haberá distintas contribucións sobre a
elaboración e a actualización dos nomenclátores xeográficos de
Andalucía, Illes Balears, Asturias, o Instituto Xeográfico Nacional
e o Instituto Nacional de Estatística a cargo de María Teresa
Garrido, Eulàlia Fons Carbonell, Juncal Mónica García Velasco,
Angélica Castaño Suárez, María Natalia Fojo Díaz,
respectivamente; Maite Mollà Villaplana presentará un traballo
sobre a elaboración da segunda edición das directrices toponímicas
de uso internacional para editores de mapas, cartas náuticas e
outras publicacións; e Marcos F. Pavo López falará sobre a
toponimia en mapas antigos como ferramenta para trazar a súa liñaxe,
deténdose na transmisión do topónimo "Elcano" na
cartografía dos séculos XVI e XVII.
A Comisión Especializada de Nomes Xeográficos
está integrada no Consello Superior Xeográfico e ten como misión
impulsar a normalización dos nomes xeográficos no Estado, en
coordinación cos diferentes organismos competentes do Estado e das
comunidades autónomas. A comisión está formada por representantes
de autoridades en nomes xeográficos da Administración xeral do
Estado e das comunidades, expertos de universidades e das academias
das linguas e doutras institucións relacionadas coa toponimia.<br