Gemini permite crear presentacións rapidamente
luns, 27 de outubro do 2025
Canvas, o espazo interactivo dentro da aplicación Gemini de Google, comeza a permitir a xeración de presentacións completas a partir dunha simple orde escrita ou mediante a carga de documentos, follas de cálculo ou artigos de investigación.
A funcionalidade, que xa está dispoñible para subscritores da versión Pro e chegará aos usuarios gratuítos nas vindeiras semanas, permite crear presentacións con texto, imaxes e visualizacións de datos sen necesidade de deseñar cada diapositiva manualmente. Unha vez xeradas, as presentacións poden exportarse directamente a Google Presentacións, onde se poden editar ou compartir en colaboración con outras persoas.
A ferramenta está pensada para estudantes e profesionais que precisen sintetizar contidos de forma rápida e visual. Se o contido de orixe é importante, recoméndase cargalo primeiro e logo solicitar a presentación. En caso contrario, abonda cunha orde do tipo “crea unha presentación sobre [tema]”.
