Google alugará películas a través de YouTube
xoves, 21 de xaneiro do 2010
YouTube, a popular web de vídeos de
Internet propiedade de Google, vai comezar en breve a probar un novo servizo de
aluguer de películas en Internet con cintas independentes do Festival de Cine
Sundance.
Este servizo, que estará dispoñible
para os internautas a partir do vindeiro mes de xuño, estará limitado
inicialmente a cinco títulos de Sundance, así como a unha pequena colección de
vídeos de socios e industrias da saúde e da educación, entre outras.
Nas vindeiras semanas, segundo The New
York Times, YouTube convidará a outros socios independentes a participar
neste mesmo servizo de aluguer, que ofrece unha nova opción ademais do modelo
respaldado por publicidade que YouTube emprega na actualidade para ofrecer
vídeos no seu site.
O portavoz da compañía, Chris Dale,
afirma que “o programa podería ampliarse
potencialmente ata incluir películas de recente lanzamento da maioría dos
estudos de Hollywood”, porén non afirmou ter falado cos estudos sobre tema
nin para cando pode estar listo este servizo extra.
Na actualidade, esta web de vídeos
en liña ofrece películas antigas e programas de televisión, así como outros
contidos de vídeo de socios como MGM, Worlwide Digital Media e Walt Disney; sen
contar cos millóns de vídeos caseiros dos usuarios, que ao igual que o resto de
contidos están dispoñibles de balde grazas a un sistema apoiado por
publicidade.
Aínda que son poucos os detalles
que se coñecen sobre este novo servizo, Dale adiantou que os cineastas que
participen no novo programa de aluguer en liña, “poderían cobrarlle aos usuarios entre 99 centavos e 19,99 dólares polas
películas, que poderían estar dispoñibles durante un periodo de 24 horas ata un
máximo de 90 días”.
