Gradiant lidera un proxecto que revoluciona a eficiencia enerxética fotónica: BLOSSOM
mércores, 1 de abril do 2026
O novo proxecto europeo BLOSSOM (Self-Sustained Photonic Systems through Autonomous LOSS Harvesting) arrincou oficialmente en Vigo, España, o 18 de marzo de 2026, marcando o inicio dun percorrido de catro anos para explorar tecnoloxías fotónicas de nova xeración con potencial para impulsar avances estratéxicos en sistemas ópticos resilientes e enerxeticamente autónomos para futuras aplicacións medioambientais, médicas, industriais e de seguridade.
Financiado polo Consello Europeo de Innovación (EIC, polas súas siglas en inglés) no marco da convocatoria EIC Pathfinder Open, BLOSSOM ten como obxectivo desenvolver conceptos e tecnoloxías fotónicas pioneiras destinadas a ampliar as fronteiras dos procesadores fotónicos autónomos, capaces de operar de forma intelixente e autosostida, abrindo a porta a novas aplicacións en infraestruturas intelixentes, autonomía industrial e sistemas resilientes de nova xeración.
O proxecto está coordinado polo centro tecnolóxico Gradiant (Vigo) e reúne a un potente equipo multidisciplinar de investigadores europeos e socios industriais de: España (Gradiant, Energhius, CiTIUS-USC), Irlanda (F6S Innovation), Portugal (International Iberian Nanotechnology Laboratory) e Polonia (Łukasiewicz Research Network Institute of Microelectronics and Photonics).
“Ao combinar investigación fotónica de vangarda cun sólido consorcio europeo, BLOSSOM reforza a posición de Europa en campos estratéxicos de tecnoloxía profunda e apoia a misión do EIC de transformar investigación de alto risco en futuras tecnoloxías disruptivas”, explica Marta Castro López, coordinadora científica de BLOSSOM e responsable de Micro-Nanoelectrónica e Fotónica en Gradiant.
O centro vigués engade que BLOSSOM é “unha iniciativa ambiciosa centrada na xestión enerxética sostible en circuítos fotónicos integrados (PICs) e representa un fito para o ecosistema galego de I+D+i ao ser o primeiro e único proxecto EIC Pathfinder Open liderado por un centro tecnolóxico galego”.
O proxecto desenvolve transdutores electroópticos especializados para capturar as perdas internas de enerxía, almacenando e redistribuíndo a potencia mediante unha unidade de xestión integrada (PMU). Ao combinar física molecular con electrónica, BLOSSOM está a construír sistemas autoactivables e enerxeticamente autónomos que achandan o camiño cara a redes modulares fotónicas integradas ultra masivas e solucións neuromórficas, nas que o tamaño das redes pode escalar de xeito exponencial sen un aumento significativo dos requisitos enerxéticos. “Este enfoque pretende revolucionar a fotónica integrada reducindo drasticamente o consumo enerxético e mellorando a sustentabilidade”, sinalan fontes de Gradiant.
