Gradiant participa en Quixote, que impulsa o desenvolvemento de tecnoloxías cuánticas para defensa e seguridade
venres, 27 de marzo do 2026
A Rede de Excelencia Cervera Quixote iniciou a súa actividade co obxectivo de impulsar o desenvolvemento de tecnoloxías cuánticas aplicadas á defensa e a seguridade, contribuíndo a reforzar a soberanía tecnolóxica e a autonomía estratéxica en España e Europa O proxecto, coordinado por Itecam, conta coa participación do centro galego Gradiant, xunto a outros centros tecnolóxicos de referencia, para avanzar en áreas clave como as comunicacións cuánticas seguras, a sensórica avanzada e a enxeñería de sistemas en contornas estratéxicas.
Gradiant lembra que “as tecnoloxías cuánticas representan unha oportunidade decisiva para transformar a forma en que se detectan, procesan e transmiten datos en contornas críticas”. Neste contexto, Quixote traballará no desenvolvemento de sensores cuánticos de alta precisión, orientados a mellorar a detección, o posicionamento e a navegación autónoma en plataformas terrestres, navais e aéreas.
Así mesmo, o proxecto abordará o deseño e validación de arquitecturas de comunicación cuántica e novos protocolos de seguridade, contribuíndo a reforzar a resiliencia fronte a ciberamenazas en escenarios complexos.
Quixote reúne a un consorcio de centros tecnolóxicos con capacidades complementarias, formado por Itecam como coordinador, xunto a Gradiant, Fidesol, i2cat e Lortek. Esta colaboración permite abordar de forma integral os retos asociados á aplicación de tecnoloxías cuánticas en defensa e seguridade, sinalan.
Durante os próximos tres anos, a rede traballará en dúas liñas de investigación fundamentais para a transferencia das tecnoloxías cuánticas a estes sectores: os sensores cuánticos de alta precisión (orientados a mellorar a detección, o posicionamento e a navegación autónoma en plataformas terrestres, navais e aéreas) e as comunicacións cuanticamente seguras (integrando distribución cuántica de claves -QKD-, criptografía postcuántica e novos protocolos de seguridade).
“Estas solucións permitirán reforzar a protección das comunicacións fronte a ameazas cibernéticas presentes e futuras”, avanza Gradiant, que no marco de Quixote desempeñará un papel fundamental no desenvolvemento técnico do proxecto, liderando actividades vinculadas ás comunicacións cuánticas seguras. A súa achega centrarase no deseño e desenvolvemento de redes avanzadas que integren tecnoloxías como a distribución cuántica de claves (QKD) e a criptografía postcuántica, co obxectivo de garantir comunicacións resilientes fronte a ameazas actuais e futuras.
Esta participación reforza a posición de Gradiant como “referente no ámbito da seguridade das comunicacións” e apóiase nunha sólida traxectoria no programa Cervera. Con Quixote, Gradiant suma a súa quinta Rede de Excelencia Cervera, tras a súa participación en dúas redes centradas en ciberseguridade e outras dúas en tecnoloxías de redes móbiles 5G e 6G.
Quixote está financiado polo CDTI no marco do programa Centros de Excelencia Cervera e alíñase coa Estratexia de Tecnoloxía e Innovación para a Defensa (ETID 2020), o Plan Nacional de Tecnoloxías Cuánticas e diversas iniciativas europeas como Quantum Flagship e o Fondo Europeo de Defensa.
