Grande fuxida de usuarios de X a Bluesky

venres, 15 de novembro do 2024 Marcus Fernández

Esta semana podería ser crucial para o futuro de X, pois agora que está cada vez máis clara a deriva da plataforma, aliñada aos intereses económicos e políticos de Elon Musk, vemos como os medios e os usuarios están a emprender a que podería ser a fuxida máis grande até o momento.
Non é a primeira vez que os usuarios de X migran a plataformas como Mastodon, Threads e Bluesky, pero o feito de que The Guardian abandonase X, movemento seguido tamén por La Vanguardia, provocou unha grande visibilidade do descontento, favorecendo moi especialmente a Bluesky, plataforma que este xoves rexistrou 1 millón de altas (o que podería ter provocado serios problemas técnicos), polo que podería ter superado os 17 millóns de usuarios, o que está moi lonxe de X, pero de converterse en tendencia a fuxida de usuarios poderiamos estar ante un éxodo masivo.
Cómpre salientar que en números Bluesky é practicamente irrelevante, pois, como a propia Threads rexistrou 15 millóns de altas só no mes de novembro, e leva tres meses cun volume de altas moi elevado, superando xa os 275 millóns de usuarios mensuais, polo que sería a única plataforma social baseada en texto que se achega ao volume de usuarios de X (cantidade difícil de saber, pois mentres a compañía fala duns esaxerados 570 millóns, consultoras externas manexan uns moito máis discretos 336 millóns).
En calquera caso, resulta moi difícil analizar a situación cunha simple instantánea, pois as altas masivas noutras plataformas é algo moi habitual, pero os usuarios tenden a volver ás plataformas de referencia.
Threads ten complicado ocupar o lugar de X polo mero feito de que a plataforma non aposta polo tempo real (incluso fuxe activamente da crispación política), mentres que Bluesky está a avanzar moi lentamente, pois non abriu o rexistro de usuarios até o pasado mes de febreiro (un ano despois do lanzamento da súa aplicación para iOS) e aínda carece de moitas funcionalidades (non permitía a publicación de vídeos até o pasado mes de setembro).