Halo 5 inicia a beta do seu multi-xogador

luns, 29 de decembro do 2014 Marcus Fernández

Aínda que até finais de 2015 non veremos o xogo Halo 5: Guardians nas tendas, dende Microsoft están a preparar o que promete ser o grande lanzamento para Xbox One da vindeira campaña de Nadal, comezando hoxe mesmo co inicio da beta do modo multi-xogador do futuro Halo, permitindo que os afeccionados á saga poidan botar unha primeira ollada ao que será o título que retome a historia do Xefe Mestre e introduza un novo personaxe central no universo Halo, o Spartan Locke, encargado de atopar ao Xefe Mestre e resolver un misterio que ameaza a galaxia enteira.
Aparte de iniciar as probas do multi-xogador de Halo 5, tamén se abriu o proceso de reserva do xogo, que estará dispoñible en 3 versións: a edición estándar, cun prezo de 59,99 dólares, que incluirá un póster exclusivo para os que reserven o xogo con antelación; a edición limitada, que por 99,99 dólares inclúe tamén contido adicional descargable e elementos extra nunha caixa metálica; e unha edición para coleccionistas, cun prezo de 249,99 dólares, que destacará por incluír unha estatua conmemorativa numerada deseñada por 343 Industries.

PUBLICIDADE