Hello, o novo marcador telefónico para Android de Facebook

mércores, 22 de abril do 2015 Marcus Fernández

Para facilitar a identificación das chamadas que recibimos no noso móbil dende Facebook están a probar unha nova aplicación, dispoñible inicialmente para smartphones con Android, chamada Hello e que convértese nun marcador telefónico que se comunica coa información de contacto almacenada en Facebook, facilitando que saibamos quen nos chama, permitir bloquear chamadas indesexadas e buscar a persoas e lugares.
O uso da aplicación é sinxelo, de xeito que cando recibamos unha chamada veremos en pantalla información sobre a persoa que nos chama, incluso aínda que non teñamos o número na nosa axenda do móbil, sempre que a persoa que chama comparta connosco tal información en Facebook.
Tamén podemos buscar a persoas e locais que non teñamos no móbil, de xeito que esta ferramenta funcionaría como unhas páxinas amarelas, axudando así a atopar un establecemento próximo para poder facer un pedido ou unha reserva e incluso consultar o seu enderezo.
Sobre o bloqueo de números telefónicos, Hello non só permite bloquear a un número de teléfono específico, senón que tamén permite o bloqueo automático de números bloqueados habitualmente. As chamadas bloqueadas irán directamente á caixa de voz.
Ao estarmos ante unha ferramenta de Facebook, Hello tamén nos achega información dos nosos contactos incluíndo a súa fotografía de perfil e o seu aniversario, axiliza o acceso a perfís e páxinas de Facebook e incluso permite que, en vez de establecer comunicacións a través da rede telefónica móbil, empreguemos Facebook Messenger para intercambiar mensaxes de texto ou realizar chamadas de voz sobre IP.

Hello vén a ser un marcador telefónico para Android que tira proveito da información recollida en Facebook


Vídeo de presentación de Hello

PUBLICIDADE