Help Flash dá o chimpo a EE UU e incorpora a Lucía Gregorio

xoves, 19 de outubro do 2017 Fernando Sarasketa

En setembro de 2016, a empresa Netun Solutions comezou a facer ruído no mercado español cun dispositivo de seu destinado a rematar cos riscos dos triángulos de sinalización de avarías. A firma, que daquela collía impulso no centro de crowdworking de Telefónica e AMTEGA na Cidade da Cultura (Galicia Open Future), adquiriu plena repercusión cunha baliza luminosa de sinalización de emerxencias chamada Help-Flash, que comezou a revolucionar o mercado estatal e cuxa principal vantaxe, á hora de colocar os obrigatorios triángulos de sinalización de avarías, reside na redución do tempo da manobra de advertencia, que pasa de ser de 8 minutos, aproximadamente, a ser de 30 segundos. Agora, Netun ten importantes novidades que achegarnos. Primeiro: dá o chimpo ao mercado de EE UU. Segundo: incorpora nas súas fileiras a Lucía Gregorio, até o de agora directora xeral da nosa asociación de empresas tecnolóxico-dixitais Ineo.
Segundo nos contan dende a empresa emprazada en Vigo, Gregorio forma parte xa do equipo directivo de Netun e fortalece e impulsa coa súa presenza os obxectivos de liderar o desenvolvemento tecnolóxico da versión conectada do dispositivo Help-Flash, que se presentarán en datas vindeiras.
Para dar aínda máis pulo a esta proxección internacional da dita tecnoloxía, que inclúe entre as súas vantaxes a de evitarnos ter que saír do noso coche para colocar o propio aparello (o dispositivo adhírese ao teito do coche, sen necesidade de saír del, e actívase de maneira automática), Netun presentará o seu enxeño no SEMA Show de Las Vegas (do 31 de outubro ao 3 de novembro), o meirande evento mundial de produtos especializados para o motor. En palabras de Netun, trátase “dunha cita dirixida só a profesionais, que na edición anterior superou os 70.000 visitantes de todas as nacionalidades”. Segundo engaden, a participación neste salón sen dúbida reforzará estratexia de internacionalización do dispositivo, un proceso que xa o levou aos mercados de Francia, Alemaña, Reino Unido e Portugal.
Ademais, nos seus doce meses de vida, a firma galega xa foi quen de vender un total de 40.000 unidades e espertou o interese de investidores nas diferentes roldas de financiamento. Ademais, obtivo importantes recoñecementos como o III Premio Emprendedores e Seguridade Viaria da Fundación Línea Directa e o Premio de Galería da Innovación na Feira Internacional Motortec-Automechanika. Ademais, foi o gañador da IV edición de #Insurtechtalks de Axa Seguros.
Unha luz para salvar vidas
Help Flash, como dixemos, é un equipo de sinalización luminoso que advirte dunha emerxencia na estrada sen necesidade de saír do vehículo. “A súa importancia”, explican dende a firma viguesa, “vén dada polo grave perigo que supón colocar os triángulos de emerxencia, sobre todo de noite ou en situacións de visibilidade reducida”. De feito, a súa instalación é inmediata: abonda con colocalo sobre calquera superficie metálica para que se active de xeito automático, e tamén se pode facer de forma manual. O dispositivo, que se alimenta dunha pila, emite escintileos de luz ámbar visibles até un quilómetro de distancia en condicións de baixa luminosidade. Así mesmo, conta cunha luz branca adicional para que poida ser empregado como lanterna.
A incorporación de Lucía Gregorio
Lucía Gregorio, nova directora de sistemas, impulsará a versión conectada de Help Flash, na que está a traballar arestora a empresa e que permitirá, entre outras cousas, emitir avisos aos servizos de emerxencia ou mesmo á compañía de seguros.
Lucía Gregorio é enxeñeira industrial e desenvolveu toda a súa carreira profesional no ámbito das telecomunicacións. Do seu extenso currículo salienta ser durante 8 anos directora xeral de Ineo e máis os seus catro anos colaborando como experta externa da Comisión Europea no programa de I+D H2020 (en especial no ámbito da fotónica). Tamén cómpre destacar o seu traballo como directora de innovación da consultora Econet, onde foi a encargada de grandes contas como a de Telefónica.

PUBLICIDADE