Home cinema con bar incluído (por se nos aburrimos)

mércores, 21 de febreiro do 2007 Fernando Sarasketa

A xulgar polo froito dos esforzos tecnolóxicos da casa Cal Spas, todo é susceptible de levar hoxe en día un home cinema. A bañeira de hidromasaxe (como sen non houbese cousas máis interesantes que facer que pórse a ver unha película), a piscina, a escaleira de man para traballar no tellado da casa ou mesmo o moble-bar doméstico co que levan soñando os afeccionados ós licores dende que o mundo é mundo. É precisamente nesta liña de cinguir a práctica de encher o tanque coa de desfrutar do cinema onde se inscribe este equipo que presenta Gizmodo, un conxunto heteroxéneo de aparellos para o fogar que soluciona para sempre o problema do mal cine a base de enchentes etílicas.
Inclúe televisor LCD de 63 polgadas de alta definición, reprodutor de DVD, receptor de satélite, grella para asar o churrasco e un bar cos andeis completos de licor café e de oruxo co que acompañar a velada cinematográfica. Por certo, se nos poñemos a ver unha película de Peter Jackson (desas que non baixan de tres horas, tempo abondo para encher e baleirar unha boa cantidade de vasos) perante este equipo tan completo, é probable que non cheguemos nin á cama.

PUBLICIDADE