INEO organiza este luns 23 unha xornada sobre as novas oportunidades de negocio que pode achegar o DNI dixital

venres, 20 de outubro do 2006 Fernando Sarasketa

O DNI dixital, malia que xa se comezou a expedir hai meses, segue a ser un misterio nos petos e nas carteiras de moitos cidadáns e empresas, sobre todo no que se refire ás súas posibilidades (corremos o risco de quedármonos na superficie).
Co fin de botar un pouco de luz sobre esta cuestión, sobre todo no que se refire ó eido dos negocios, a Asociación Multisectorial de Novas Tecnoloxías da Información (INEO) organiza este luns 23 de outubro unha conferencia-coloquio sobre as novas oportunidades que xera o novo documento. A xornada, que dará comezo ás 16.30 horas na sede do Consorcio da Zona Franca de Vigo, contará coa presenza de Diego Hernández Gallardo, director do Proxecto de Certificación Española da Fábrica de Moedo e Timbre; Mauricio Pastor, comisario principal de Policía de División Informática de Dirección Xeral de Policía Escorial.
Ademais, o acto estará presidido por Juan José Gómez Romero, director xeral de Calidade e Avaliación das Políticas Públicas. Segundo avanza INEO nunha nota informativa, o gran obxectivo do coloquio é dar a coñecer as importantes vías de negocio relacionadas co deseño de ferramentas tecnolóxicas que fagan máis doado o manexo, a seguridade e a versatibilidade do DNI dixital. Por certo que esta xornada é a número 13 das que integran o programa de Foros de Orientación Estratéxica que organizan as empresas que constitúen INEO ende 2001.

PUBLICIDADE