ITG impulsa Comando, un proxecto para coordinar frotas de drons e vehículos autónomos
martes, 17 de marzo do 2026
Desenvolver sistemas de mobilidade autónoma multimodal capaces de coordinar vehículos aéreos (UAV), terrestres (UGV) e marítimos (USV) é o obxectivo de Comando, a nova creación do centro tecnolóxico ITG, que foi estreada nas súas instalacións da Coruña, reunindo á rede estatal de excelencia investigadora Cervera enfocada no desenvolvemento de tecnoloxías para a coordinación de vehículos autónomos por aire, terra e mar.
Sinalar que esta iniciativa, que obtivo a maior puntuación técnica do CDTI (92,5 sobre 100), comeza os seus traballos co gallo de avanzar en sistemas capaces de operar de maneira autónoma e cooperativa en contornas complexas.
Comando ten como finalidade incrementar a madurez destas tecnoloxías para que poidan desprazarse e actuar de xeito coordinado mesmo en escenarios esixentes, hostís ou con comunicacións limitadas, tanto no eido civil como en defensa e seguridade.
Carlos Calvo, director xeral de ITG, sinala que “o desenvolvemento de sistemas autónomos capaces de operar de maneira coordinada por aire, terra e mar será clave nos vindeiros anos tanto para a seguridade nacional como para múltiples aplicacións civís. Son tecnoloxías críticas que permitirán a España reforzar a súa capacidade e soberanía tecnolóxica neste ámbito, facilitando tamén a transferencia ao tecido industrial”.
Neste contexto, a rede busca reforzar a soberanía tecnolóxica nacional mediante o desenvolvemento de capacidades críticas en sistemas autónomos. Entre as súas metas atópase a validación de polo menos 20 subsistemas tecnolóxicos en contornas esixentes con altos niveis de madurez tecnolóxica.
Como entidade coordinadora, ITG liderará o desenvolvemento da plataforma de comando e control que permitirá a coordinación de múltiples vehículos autónomos, facilitando que compartan información de xeito ciberseguro e que adapten o seu comportamento ao que acontece ao seu arredor, minimizando a intervención humana, que se adicará a tarefas de supervisión.
O traballo tecnolóxico abordará de maneira integrada tres niveis de autonomía: a autonomía centralizada supervisada, a autonomía distribuída baseada en cooperación en rede e a autonomía embarcada en cada plataforma mediante sistemas avanzados de percepción, IA e ciberprotección.
Esta combinación permitirá a coordinación global das plataformas, a cooperación autónoma en rede e a reacción inmediata de cada vehículo en contornas críticas.
En canto á pegada socioeconómica previsto desta iniciativa materialízase na tracción industrial con obxectivos de contratos que superarán os 61 M€ e a consolidación dun ecosistema nacional de máis de 60 alianzas empresariais en contornas críticas como emerxencias, loxística, vixilancia marítima ou rescate autónomo. A nivel internacional, Comando fortalecerá a participación de España en programas de financiamento europeos, proxectando á rede como referente europeo e transatlántico en mobilidade autónoma multimodal de aplicación dual (en contornas civís e militares).
Comando reúne a un consorcio liderado por ITG e do que forman parte os centros tecnolóxicos CIDAUT (Castela e León), CTAG (Galicia), IBV e ITENE (Comunidade Valenciana) e TECNALIA (Euskadi), que traballarán conxuntamente no desenvolvemento de solucións para a coordinación de frotas de vehículos autónomos.
Asemade, Comando contará cun Consello Asesor de Defensa e Seguridade, integrado por representantes das Forzas Armadas, a Dirección Xeral de Armamento e Material (DGAM) e empresas do sector. Este órgano contribuirá a orientar os desenvolvementos para facilitar a súa aplicación real tanto no eido da defensa como en usos civís.
