Imaginarium presenta unha cámara para poñer na bicicleta ou nun papaventos
martes, 24 de abril do 2012
Imaginarium presentou estes días un novo aparello
de seu para “desenvolver o pensamento
creativo e construtivo” da rapazada, en palabras da empresa. Trátase da
videocámara My Action Camera,
unha achega tecnolóxica de reducido tamaña para rexistrar a través dela o día a
día do neno, os seus xogos e as súas actividades de lecer con outros neno. O
trebello en cuestión é especialmente axeitado para emprazar no cinto, na
mochila, nun papaventos ou nunha bicicleta. Ou sexa: que se poderá dispoñer
onde se lles ocorra aos usuarios, coa gran vantaxe da resistencia do aparello ás
posíbeis caídas ou impactos.
Esta webcam
achega dúas horas de gravación continua e permite a carga de enerxía a través
de USB. A capacidade máxima de almacenamento é de oito xigas, aínda que de
querermos chegar a este punto, deberemos mercar unha tarxeta de memoria (que,
ollo, non vén incluída co trebello). A resolución é de dous megapíxeles. Inclúe software (CD),
manual de uso, funda de silicona, soporte e fitas para fixala a un bo número de
superficies. O prezo é de 49,95 euros. Non está recomendado o seu uso entre
cativos de menos de sete anos.