Inaugúrase en Vigo o laboratorio interactivo e divulgativo Conxemar Lab

mércores, 28 de xaneiro do 2026 S. P.

Este mércores 28 de xaneiro inaugurouse en Vigo o laboratorio divulgativo Conxemar Lab, unha aula interactiva e educativa impulsada por Conxemar (coa colaboración de Grupo de Acción Local Ría de Vigo – A Guarda, GALP) para achegar os produtos do mar a nenos e nenas de entre 7 e 11 anos.
Situado na sede de confederación empresarial na cidade olívica, este espazo ten vocación divulgativa para a rapazada e apóiase no uso da tecnoloxía interactiva e outras actividades lúdicas, ofrecendo un percorrido multisensorial para coñecer de forma directa como funcionan o mar, a pesca, a acuicultura, a transformación e a comercialización dos produtos do mar. Un dos seus obxectivos clave é impulsar a transformación dixital do sector mediante a integración de ferramentas TIC, tecnoloxía interactiva e solucións innovadoras.
No acto de inauguración participaron a conselleira do Mar, Marta Villaverde, e o presidente de Conxemar, Eloy García Alvariza, que destacaron que este espazo “está destinado a achegar os produtos do mar á poboación infantil de entre 7 e 11 anos”.
Con tecnoloxía interactiva e outras actividades lúdicas, ofrece un percorrido multisensorial para coñecer de forma directa como funcionan o mar, a pesca, a acuicultura, a transformación e a comercialización dos produtos que ofrece o litoral galego.
Estrutúrase en cinco áreas temáticas: zona envolvente, que inclúe unha proxección con efectos sonoros de ecosistemas mariños; maqueta interactiva, de carácter tridimensional con documentación audiovisual sobre a cadea de valor; consellos prácticos sobre consumo e nutrición, dotada con murais explicativos, figuras e imáns que ilustran hábitos saudables; recreación dun supermercado, que recolle unha escenografía dunha tenda de conxelados e produtos do mar; e obradoiro de cociña, no que poder elaborar e degustar peixe e marisco conxelado. Precisamente, esta última actividade, é unha proposta pioneira no ámbito educativo, que busca posicionar o proxecto como un referente en Galicia na materia.
As previsións contemplan que estas instalacións poderán albergar 75 clases, 2.250 alumnos e 150 profesores nunha primeira fase de funcionamento, entre maio e xuño deste ano. No curso escolar completo, a cifra ascendería a 180 accións formativas, 5.400 escolares e 360 mestres.