Ineo e a Universidade de Vigo sentan os alicerces de futuras colaboracións arredor da innovación e o coñecemento
venres, 13 de abril do 2012
A asociación Ineo
e a Universidade de Vigo traballarán de
xeito conxunto a prol das mellores condicións posibles para o desenvolvemento,
na nosa terra, da innovación e a transferencia de coñecemento tecnolóxico. Así
nolo fixeron saber este xoves os principais responsables de ámbalas entidades,
o reitor Salustiano Mato e o presidente de Ineo, Jorge Cebreiros. A información
foi dada no transcurso da última Sobremesa
de Ineo (xeira de xuntanzas que dan acubillo a persoeiros galegos de
interese para o sector TIC), na que participou case unha vintena de
profesionais.
A cita, que contou coa presenza, tamén, do
director do Campus do Mar, Emilio Fernández Suárez, foi a materialización dunha
demanda concreta: a das empresas socias de Ineo, para as que resultaba de gran
interese compartir experiencias co Campus do Mar e a súa principal impulsora, a
Universidade de Vigo. Asemade, buscábase coñecer de primeira man a vertente TIC
das devanditas entidades, subliñándose eidos de traballo en común
(universidade-empresas) de gran potencial.
Para Salustiano Mato, estamos ante unha boa
oportunidade para comezar a avaliar a excelencia das universidades en base non
só ao coñecemento que se xera no seu seo, senón da transferencia que se fai
dese coñecemento cara á sociedade en xeral a través do tecido empresarial. Ao
fío disto, o director do Campus do Mar tirou proveito da ocasión para explicar
polo miúdo os obxectivos e liñas estratéxicas do dito proxecto académico e
investigador, salientando a estreita ligazón que se busca, en base ao Campus,
entre o mundo investigador e máis o eido produtivo.
As empresas presentes na sobremesa, pola súa
parte, parabenizaron a orientación do Campus do Mar (unha liña de traballo que
se está a trasladar a outras áreas diferentes da Universidade), e amosaron o
seu interese por coordinarse e participar no escenario de colaboración TIC-Mar
que se achega. Jorge Cebreiros, neste senso, díxolles aos principais responsables
da Universidade e máis do Campus que “poden
contar con Ineo para o que precisen”.
Lembrar que a vindeira Sobremesa de Ineo
celebrarase o vindeiro 10 de maio en Santiago, e terá como persoeiros
convidados aos parlamentarios galegos.
