Inician múltiples investigacións por mor da proliferación de contidos ilegais creados coa axuda de Grok

luns, 5 de xaneiro do 2026 Redacción

Elon Musk non asume ningunha responsabilidade da falla de seguridade de Grok

As autoridades de Francia e Malaisia iniciaron pescudas formais contra Grok, o chatbot desenvolvido por xAI e integrado en X, despois de que a ferramenta xerara imaxes sexualizadas de mulleres e menores. O propio sistema recoñece ter xerado e compartido imaxes de menores sexualizadas, lamentando o acontecido e indicando que que estaría a violar estándares éticos e, posiblemente, a lexislación estadounidense relativa á pornografía infantil, considerando que se trata dun fallo das salvagardas de Grok, polo que engade que están a revisar o acontecido para evitar que se repita a situación (o que claramente non fixeron, xa que o problema segue presente en X).
A reacción institucional non tardou. O Ministerio de Tecnoloxías da Información da India esixiu a X que limitase de inmediato a capacidade de Grok para xerar contidos obscenos, pornográficos ou pedófilos, advertindo de que a empresa podería perder a protección legal que a exime de responsabilidade polo que publican os usuarios se non actuaba nun prazo de 72 horas. En paralelo, o Ministerio Fiscal de París confirmou a apertura dunha investigación pola proliferación de deepfakes sexualmente explícitos na plataforma, despois de que tres ministros franceses remitisen informes sobre contido manifestamente ilegal tanto á Fiscalía como ao servizo estatal de vixilancia en liña.
Malaisia sumouse tamén ás advertencias. A súa Comisión de Comunicacións e Multimedia declarou que recibira numerosas queixas polo uso de ferramentas de IA en X para manipular imaxes de mulleres e menores con fins indecentes ou ofensivos, e anunciou que está a investigar estes danos en liña. Mentres tanto, Elon Musk afirmou que quen empregue Grok para crear contido ilegal afrontará as mesmas consecuencias que se o subise directamente á plataforma, ou sexa, que non acepta ningunha responsabilidade sobre o problema que está a provocar ao non colocar medidas de seguridade minimamente efectivas en Grok, como si fan o resto de grandes plataformas de IA.

ACTUALIZACIÓN: O regulador británico das telecomunicacións tamén se suma ás investigacións sobre o que está a acontecer con Grok coa modificación de imaxes de menores e mulleres en xeral.