Internet é o medio de comunicación máis valorado pola mocidade

martes, 7 de novembro do 2006 Raquel Noya

Segundo un estudo internacional presentado por Sulake Corporation, a empresa creadora de Habbo, Internet é o medio de comunicación mellor valorado pola gran maioría dos mozos e mozas. O informe, levado a cabo en 22 países, recolle opinións, preferencias, hábitos e datos sociodemográficos de máis de 42.000 usuarios de Habbo. O 90% dos enquistados consideran que Internet é o medio de comunicación máis usado e que a mensaxeiría instantánea e o correo electrónico son os servizos deste medio mellor valorados.
Segundo os resultados que se poden acadar do estudo, a principal razón para empregar Internet é a socialización, estar en contacto cos amigos por enriba de calquera outro motivo, polo que os servizos máis populares da Rede son a mensaxeiría instantánea e o correo electrónico (este último está máis valorado polos maiores de 20 anos).
Só o 66% dos usuarios opina que a televisión é un medio de comunicación importante, o 54% opina o mesmo das revistas e menos da metade considera á radio como tal. A importancia que se lle outorga ós xornais medra a medida que se incrementa a idade dos enquisados polo que acadan maior importancia entre os mozos que se achegan ós 22 anos, superando a outros medios como a televisión ou as revistas.
A meirande parte dos adolescentes cuestionados teñen teléfono móbil pero, amais das funcións tradicionais como facer chamadas, enviar SMSs ou facer fotografías, aínda non o empregan para navegar por Internet. Tan só en Xapón, onde o 43% dos adolescentes usa o móbil con este propósito.

PUBLICIDADE