Invencible estrea xogo para dispositivos móbiles

luns, 19 de febreiro do 2024 Marcus Fernández

O 14 de marzo volve a Prime Video a segunda tempada da serie de animación Invencible, e dende Ubisoft sorprenden lanzando un xogo móbil baseado neste grande éxito, Invincible: Guarding The Globe, que xa podemos descargar de balde para iOS e para Android, permitindo así que afondemos nesta franquía a través dun xogo de rol por escuadróns cunha trama inédita na serie.
O xogo convídanos a unirnos á Global Defense Agency (GDA), organización secreta dirixida por Cecil Stedman, que protexe o mundo de grandes ameazas. Teremos que recrutar e xuntar aos mellores e aos peores personaxes do mundo de Invencible con cadansúa habilidade, para subilos de nivel, mellorar o seu equipamento e personalizar as formacións de escuadrón e a estratexia de combate para adaptarse a distintas necesidades e así protexer o planeta de ameazas do interior e do exterior.
Estamos ante un xogo de rol automático de escuadróns, no que tras tomar decisións podemos ver como se desenvolven os resultados. E quen goce da multitarefa tamén pode tirar proveito do seu sistema único de combates múltiples, participando nunha chea de batallas á vez.
Aínda que esteamos ante un título que pode descargarse de balde, integra compras dentro da aplicación para adquirir distintos lotes de contidos dixitais (con prezos de entre 5,99 e 99,99 euros), destacando os seus responsable que non contará con caixas de botín.

Tráiler de Invincible: Guarding The Globe

PUBLICIDADE