Investigadores da UVigo constatan os beneficios da VR na preparación de socorristas en grandes accidentes
martes, 31 de marzo do 2026
O grupo de investigación Remoss (Campus de Pontevedra, UVigo) desenvolveu un innovador método de triaxe para a asistencia en incidentes acuáticos de múltiples vítimas. Publicado na Revista Española de Urgencias y Emergencias, trátase do único método específico para contornas acuáticas existente en España e constitúe un dos eixes dun proxecto de innovación docente desenvolvido na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Este permitiu comprobar a eficacia da realidade virtual inmersiva á hora de mellorar a formación das e dos futuros profesionais para facer fronte a este tipo de incidentes, constatando a súa eficacia como unha ferramenta de adestramento na toma decisións.
Seleccionado na convocatoria de proxectos de innovación docente da facultade correspondente ao ano 2025, este proxecto abrangueu tanto a creación de escenarios virtuais para a formación na xestión de continxencias acuáticas, como a súa aplicación na docencia dunha materia do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte.
A iniciativa permitiu comparar a eficacia da formación con realidade virtual inmersiva, que permitía ao alumnado identificar “con maior precisión as situacións de urxencia máxima”, fronte a unha formación “tradicional”, segundo sinala o equipo investigador na publicación da facultade que recolle os resultados deste proxecto.
“A realidade virtual permite ao alumnado vivenciar mellor un incidente e discriminar e seleccionar mellor a quen atender antes”, subliña o profesor Marcos Sanmartín, investigador principal do proxecto Realidad virtual en incidentes deportivos y educativos. Aplicación de un método innovador en la docencia. Nel participaron dez investigadoras e investigadores do grupo Remoss e da facultade, así como docentes das universidades de Santiago de Compostela, Barcelona e UCAM de Murcia.
A formación do alumnado participante baseouse en ambos casos “no método de triaxe específico para contornas acuáticas” deseñado polo grupo Remoss. Como explica o seu coordinador, o catedrático Roberto Barcala, integrante do Instituto de Investigación en Ciencias do Deporte (CIDEGA), as especificidades do medio acuático fan necesario ter en conta aspectos “completamente diferentes” aos que se valoran noutros métodos de triaxe.
O método T-Remoss emprega un “sistema de cores” para definir catro clasificacións de prioridade das vítimas, sinalando tamén un “tempo máximo para ser rescatado” en cada caso. Así, a cor vermella representaría a prioridade urxente, a de persoas en “risco inminente de submersión”, que non se desprazan de forma voluntaria, que deberían ser asistidas en menos dun minuto. A prioridade media serían aqueles casos de vítimas con “competencia básica para flotar” e que realizan “desprazamentos precarios” na auga, agás que se estean afastando do socorrista por mor do vento ou das correntes. Neste caso, a triaxe sinala que deberán ser atendidas en menos de cinco minutos, mentres que dez sería o tempo máximo de rescate das vítimas de “prioridade menos urxente”, ás que se lles observan “desprazamentos fluídos” e que dispoñen de “mecanismos de flotación”.
Para rematar, o grupo Remoss sinalou coa cor negra os casos non prioritarios, vítimas “en submersión ou semisubmersión, sen signos de vida aparente”, que deberían asistirse unha vez atendidos os restantes casos, agás que “o cese do movemento fose inminente”, cando pasarían a considerase de prioridade urxente.
Este método de triaxe foi empregado nun estudo piloto para o que simulouse, coa participación de socorristas expertos, un incidente acuático con múltiples vítimas, que foi gravado en formato 360º para a súa visualización a través duns lentes de realidade virtual. Dividido en dous grupos, unha parte do alumnado da materia Socorrismo a súa didáctica formouse a través deste dispositivo, mentres que o outro asistiu a unha sesión grupal de 30 minutos, que incluía unha explicación, a proxección do vídeo nunha pantalla e o seu posterior debate.
Logo as e os participantes debían enfrontarse á clasificación das cinco vítimas representadas nesta simulación, a través dos lentes de realidade virtual. Os resultados desta análise amosan que aqueles formados con esta tecnoloxía “identificaron con maior precisión as situacións de urxencias máxima”, sinalan. Máis polo miúdo, o 80% clasificaron correctamente unha vítima que “nadaba con dificultade”, fronte ao 33,3% do alumnado que recibira unha formación tradicional. Do mesmo xeito, o 46,7% das e dos estudantes formados cos lentes tamén identificaron como vermella outra vítima que se presentaba agarrada unha plataforma, algo que só fixeron o 6,7% das e dos integrantes do outro grupo.
