Investigadores do Campus de Pontevedra buscan como loitar contra as novas falsas dende as metodoloxías virais
mércores, 17 de marzo do 2021
Avaliar
a posibilidade de combater eficazmente as novas falsas e facelo con
recursos que compartan coas fake news metodoloxías de
comunicación, por exemplo iniciativas de verificación de datos como
fact-checkers. Este
é un dos obxectivos centrais da investigación que desenvolve o
grupo Sepcom, da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación
(Campus de Pontevedra), que vén de ser seleccionado na
convocatoria de proxectos de I+D+i Retos Investigación do Ministerio
de Ciencia e Innovación. O proxecto, que se estenderá ata 2022,
comprende tamén a elaboración dunha serie de recursos didácticos
para a alfabetización dixital da cidadanía.
“Sabemos
que a desinformación circula de xeito moi rápido, que ten moitas
vías para difundirse, e nós queremos centrarnos en coñecer que
están facendo os que loitan contra ela”, salienta o profesor
Alberto Dafonte, investigador principal, xunto coa coordinadora do
grupo Sepcom, Mabel Míguez, do proxecto Narrativas digitales
contra la desinformación. Estudio de redes, temas y formatos en los
fact-checkers iberoamericanos.
O
seu obxectivo é analizar todos aqueles elementos que poden ter
incidencia na difusión das mensaxes dos fact-checkers.
Análise
de 17 fact-checkers de dez países
En
primeiro termo, o proxecto centrarase na análise dos contidos
difundidos ao longo de 2020 por 17 fact-checkers de España,
Portugal, Bolivia, Brasil, Arxentina, México, Colombia, Perú,
Ecuador e Venezuela. Como explica Dafonte, baixo este termo
englóbanse iniciativas de verificación de datos “moi diferentes”,
desde “seccións específicas de medios de comunicación
convencionais a organizacións sen ánimo de lucro”. Neste caso, a
análise centrarase naquelas iniciativas iberoamericanas acollidas á
International Fact-Checking Network (IFCN), que fixa unha serie de
principios éticos neste labor de loita contra a desinformación.
O
estudo comprenderá a identificación de características comúns en
canto a aspectos formais, narrativos e temáticos das mensaxes que
xeraron maior interacción en redes sociais; a análise daqueles
“parámetros cuantificábeis” que poidan ter incidencia na
difusión, como a frecuencia ou o horario de publicación; a
adaptación dos contidos ás características das diferentes redes
sociais ou o uso das diferentes aplicacións de mensaxería.
O
proxecto tivo como punto de partida a estadía de investigación que,
co financiamento do programa José Castillejo, Dafonte desenvolveu en
2019 na Pontificia Universidad Católica de Chile e que lle permitiu
identificar as diferentes redes e ferramentas que empregan os medios
inseridos na IFCN para a difusión dos seus contidos.
Os
investigadores e investigadoras deteranse tamén nas temáticas más
frecuentes nestas publicacións, e, polo tanto, os ámbitos nos que
maior incidencia teñen as fake news. Nos estudos previos
foron quen de detectar que “existen certas temáticas recorrentes”,
explica Dafonte, como aquelas relacionadas coa política, coa
inmigración, os boatos dirixidos contra os movementos feminista e
LGTBI ou aqueles centrados en cuestións de saúde. Estes últimos
converteranse, por mor da COVID-19, nun dos grandes protagonistas
desta análise. De feito, lembran que a Organización Mundial da
Saúde ten alertado nos últimos meses dos perigos que, máis aló da
propia pandemia, pode xerar a “infodemia”, como lembra Dafonte,
que incide en que, polo xeral, tralos boatos, “normalmente non hai
xente que inventa unha cousa sen máis, senón grupos organizados”.
A
partires desta análise, o proxecto completarase coa creación dun
“banco de recursos para a alfabetización dixital e mediática da
cidadanía”, así como dun curso de formación en liña orientado
principalmente a un público adulto. Do mesmo xeito, deseñaranse
tamén recursos educativos abertos dirixidos ao alumnado de educación
secundaria, “nos que traballaremos con diferentes formatos e
materiais” e que estarán dirixidos a “divulgar boas prácticas á
hora de verificar información e ser crítico co que recibes”,
apunta Dafonte.