Investigan se as edicións supervisadas da Wikipedia alemá teñen efectos adversos sobre as tarefas editoriais

venres, 9 de abril do 2010 Raquel Noya

A Universidade Rey Juan Carlos de Madrid, a mesma que recentemente nos sorprendeu con iniciativas como a de empregar videoxogos para o apoio á docencia ou a de empregar os blogs para a mesma finalidade nas súas aulas, vén novamente de chamar a nosa atención ao dar conta dunha investigación para analizar o impacto que ten sobre a comunidade de usuarios o emprego dun novo sistema de supervisión de edicións en Wikimedia Deutschland, un capítulo local da Fundación Wikimedia en Alemania.
O grupo encargado da investigación, o GSyC/Libresoft da entidade académica, realizará o estudo dende un punto de vista cuantitativo, e tratará de averiguar se as edicións supervisadas (en inglés flagged revisions), teñen influencia no traballo editorial e administrativo da comunidade.<br O termo edicións supervisadas úsase para describir unha extensión do software MediaWiki, sobre o que funciona Wikipedia, que evita que os últimos cambios efectuados nunha páxina por usuarios anónimos se mostren por defecto a todos os lectores. No seu lugar, só se mostra a última versión revisada da páxina, que foi supervisada por un editor autorizado. Este usuario asegurouse de que o contido non fose obxecto de actos vandálicos ou danado dalgunha forma antes de aprobar os cambios. As páxinas controladas son marcadas como revisadas polo sistema.
O propósito deste proxecto é, entre outras cousas, intentar mostrar se este método é efectivo para loitar contra os actos de vandalismo na Wikipedia, e ver se ten efectos adversos sobre as tarefas editoriais.
As preguntas ás que se enfrontarán os investigadores son dúas:
1. A introdución deste proceso de revisión reduce o vandalismo procedente de usuarios anónimos?; Redúcese o número de vandalismos que hai que corrixir e o número de usuarios anónimos que son bloqueados por atacar o contido?
2. Desalenta este sistema aos usuarios anónimos para seguir contribuíndo a Wikipedia en alemán?; Redúcese o número de persoas que se rexistran na Wikipedia alemá para obter unha nova conta de usuario?
Con este proxecto, o grupo CSyC/Libresoft da Universidade Rey Juan Carlos pretende “consolidar a súa exitosa liiña de investigación sobre a análise da Wikipedia, ofrecendo evidencia cuantitativas sobre o impacto deste novo sistema de supervisión de edicións na Wikipedia alemá”.
Do mesmo xeito, os seus responsables agardan que, “os resultados do estudo poidan servir de axuda para avaliar a adopción desta extensión do software MediaWiki noutras versións distintas de Wikipedia, como a inglesa ou a española”.

PUBLICIDADE