Kinect non recoñecerá inicialmente o castelán

luns, 30 de agosto do 2010 Marcus Fernández

Microsoft presentou Kinect en Bilbao

O vindeiro 10 de novembro chegará ás tendas europeas o revolucionario novo sistema de control sen mandos para a Xbox 360 que deron en chamar Kinect, e que recoñecerá os movementos do usuario para reproducilos en pantalla á vez que se incorpora un sistema de recoñecemento de voz que, segundo veñen de confirmar nunha presentación do produto, inicialmente só estará adaptado ao inglés, o xaponés e o mexicano, ou sexa, que o acento propio de España non estará soportado ata a primavera, polo que teremos que agardar meses para poder gozar ao 100% desta nova tecnoloxía (aínda que entre os xogos iniciais para Kinect non hai ningún título que se manexe de xeito intensivo coa voz, polo que non debería ser ningún problema).
Kinect contará con 3 sistemas diferenciados: o sensor de movemento (unha especie de cámara web que rexistra o espazo tridimensional), o sistema de recoñecemento de voz e un pequeno grupo de motores que seguirá o movemento do usuario mentres xoga. Combinando estes elementos pode substituírse o sistema de control tradicional, facendo que o corpo do xogador sexa o seu propio mando, o que poderemos comprobar en Kinect Adventures (xogo que incluirase de balde con Kinect por un prezo de 149 euros, aínda que tamén poderemos optar por mercar por 299 euros un paquete que inclúe unha Xbox 360 e o Kinect que resultará ideal para achegar a novos consumidores á plataforma de xogo de Microsoft), aínda que será en xogos coma Dance Central onde moitos entenderán mellor o potencial lúdico desta plataforma que non está limitada a un único xogador, senón que Kinect permite cun único dispositivo a participación de varios usuarios, o que agradecerán os petos dos consumidores, afeitos a ter que facer un desembolso sorpresa para mercar un mando adicional tras adquirir unha nova videoconsola.

PUBLICIDADE