LG presenta televisores QNED de até 98 polgadas

xoves, 28 de decembro do 2023 Marcus Fernández

Para atender á demanda de televisores cada vez máis grandes para o fogar LG presenta a súa familia de televisores QNED e QNED Mini LED para 2024, destacando especialmente o modelo que conta cunha pantalla de 98 polgadas.
Os televisores LG 2024 QNED contan cun procesador α8 que fai uso da intelixencia artificial para mellorar a imaxe, prometendo tamén unha experiencia máis inmersiva grazas aos seus altofalantes co son virtual envolvente 9.1.2, aínda que para unha mellor sensación tridimensional recomendan completar a configuración cunha barra de son de LG.
Os novos televisores empregan tecnoloxías Quantum Dot e NanoCell de LG, o que achega imaxes nítidas e vivas, con cores realistas. No caso dos LG QNED Mini LED destacan un grande contraste e un brillo excepcional.
Cómpre salientar que, pese a funcionar con webOS, estes televisores non esquecen as tecnoloxías móbiles actuais, e integran compatibilidade con Apple AirPlay e Chromecast, facendo así doado ver en pantalla grande os contidos achegados dende un smartphone ou tableta.
Os novos televisores chegarán en tamaños de 43, 50, 55, 65, 75, 86 e 98 polgadas, adaptándose así a numerosos espazos.

PUBLICIDADE