LG presentará en Las Vegas a súa proposta para a robótica doméstica

venres, 26 de decembro do 2025 Redacción

LG Electronics aproveitará a súa presenza na feira CES 2026 para amosar por primeira vez ao público o seu novo robot doméstico, CLOiD. A presentación terá lugar en Las Vegas entre os días 6 e 9 de xaneiro e supón un novo chanzo na estratexia da compañía para consolidar a robótica como un dos seus principais motores de crecemento a medio e longo prazo.
Concibido como un asistente para o fogar, CLOiD responde á visión de LG baixo o lema «un fogar sen tarefas, crea tempo de calidade», un modelo no que a tecnoloxía reduce de maneira efectiva a carga das tarefas cotiás e permite ás persoas dedicar máis tempo ao lecer, á familia e ás relacións persoais. O obxectivo último é avanzar cara a un fogar máis eficiente e intuitivo, no que a xestión diaria da casa deixe de ser unha fonte constante de preocupación.
O robot presenta un formato pensado para os espazos domésticos actuais e está preparado para asumir unha ampla variedade de funcións no interior da vivenda. Dispón de dous brazos articulados, cada un con sete graos de liberdade, que lle permiten movementos complexos e fluídos. As mans incorporan cinco dedos actuados de maneira independente, unha configuración que lle proporciona unha destreza elevada e a capacidade de realizar tarefas delicadas que requiren un control motor preciso.
CLOiD integra no cabezal un chipset que actúa como cerebro do sistema. Este núcleo complétase cunha pantalla, altofalantes, cámara e un conxunto de sensores que posibilitan a comunicación expresiva, a interacción por voz e a navegación intelixente polo fogar. O funcionamento baséase na tecnoloxía Affectionate Intelligence de LG, deseñada para que o robot interprete o seu contorno, se relacione dun xeito natural cos usuarios e mellore progresivamente as súas respostas a partir da experiencia acumulada, ofrecendo así unha axuda cada vez máis personalizada.
A compañía surcoreana considera a robótica un ámbito estratéxico e, nesa liña, creou o HS Robotics Lab dentro da súa división de electrodomésticos co fin de desenvolver tecnoloxías diferenciadoras e reforzar a competitividade dos seus produtos.