Lector de tarxetas de crédito por USB

mércores, 15 de xullo do 2009 Marcus Fernández

Os usuarios máis temerosos de pagar con tarxeta de crédito a través da Internet teñen unha nova solución que podería reforzar a seguridade no lado do usuario consistente nun lector de tarxetas de crédito que funciona por USB e que pretende evitar o roubo de datos no equipo do usuario, e que venden dende Canadá por 99,95 dólares (62,25 euros).
O lector de tarxetas de crédito por USB SmartSwipe é compatible coa meirande parte das tendas en liña, e fai que os datos da nosa tarxeta (Visa, MasterCard, American Express ou Discover) vaian seguros do noso equipo aos servidores web da tenda virtual coa que queremos operar, libres do perigo de ataques por parte de software malicioso (en boa medida porque non se chega a teclear nunca o número da nosa tarxeta).
De todos os xeitos, non parece que este trebello sexa precisamente necesario, de xeito que o seu público potencial serían os usuarios paranoicos da seguridade.

PUBLICIDADE