Licitada por 925.650 euros unha solución de ciberseguridade para protexer identidades no SERGAS
mércores, 3 de decembro do 2025
A Xunta, a través da Consellería de Sanidade, publica no Portal de Contratos Públicos de Galicia a licitación, por importe de 925.650 euros, dunha solución de ciberseguridade de protección de identidades para o Servizo Galego de Saúde.
O obxectivo principal é a adquisición dunha ferramenta de protección de seguridade de identidades que permita a alerta temperá das ameazas de seguridade que potencialmente afecten á plataforma de identidades. “Tamén se busca a protección proactiva automatizada de posibles intentos de accesos non autorizados ou sospeitosos”, informou a Xunta.
Entre outras cousas, utilizando técnicas de IA e de aprendizaxe automática deberase analizar o comportamento dos usuarios e entidades para establecer unha liña base de comportamento normal de cada identidade. Isto permitirá detectar anomalías e desviacións que poidan indicar unha actividade maliciosa.
O Servizo Galego de Saúde dispón nestes momentos de arredor de 50.000 contas activas.
Esta actuación é susceptible de co-financiamento pola Unión Europea nun 60 % a través do Programa Feder de Galicia 2021-2027.
As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen ata o 9 de xaneiro do vindeiro ano para presentar as súas ofertas.
