
En palabras da rexedora, a intención é que Lugo sexa unha urbe na que os investimentos en capital humano e social, en infraestruturas e comunicación tradicionais e modernas, fomenten o desenvolvemento económico sustentable e “unha elevada calidade de vida”. Nesta liña, Méndez apelou ás Smart City como sinónimos de “cidade viva, audaz e perseverante”.
A alcaldesa engadiu que entre as liñas de traballo do proxecto atópase a implantación da Administración Electrónica. Ademais, dixo, o Goberno local potenciará o uso da tarxeta cidadá (“co que a veciñanza lucense poderá efectuar distintos trámites, como o pago de recibos”) e impulsará unha xestión intelixente do control do alumeado na zona rural e urbana, dos colectores de auga, de refugallos sólidos urbanos ou da eficiencia enerxética en dependencias municipais. O proxecto, dixo a alcaldesa, engloba tamén unha plataforma de xestión intelixente de infraestruturas locais baseado no SIX (Sistema de Información Xeográfica) para a xestión administrativa, económica, urbanística, ocupación da vía pública, infraestruturas e mobiliario, e a mellora do portal de transparencia.
En total, o proxecto 9 iniciativas, entre as que tamén se atopa a xestión de aparcamento a través de sensores para 200 prazas de aparcadoiro intelixente, que permitirá ás persoas usuarias coñecer a dispoñibilidade de estacionamento a través dunha aplicación móbil.
Segundo engadiu Méndez, co Lugo Smart City o Concello “busca integración para involucrar á cidadanía nos procesos administrativos; eficiencia para mellorar a prestación de servizos públicos a través de cambios nos modelos de xestión apoiados nas TIC; transparencia para facilitar o acceso, a consulta e o uso dos datos públicos dos servizos municipais e coordinación, e tamén axilidade para o traballo entre as áreas municipais a través da integración de servizos intelixentes”.
Entre as áreas de traballo tamén se atopa o pulo á mobilidade ecolóxica e saudable. Nesta liña insírese a limitación da velocidade a 30 quilómetros por hora na ronda da Muralla (con zona de convivencia nodal con bicicleta), a ampliación das prazas dos aparcadoiros subterráneos, a proxección de 7 aparcadoiros disuasorios de 12.000 m2 e 600 novas prazas e a humanización da Avenida Duquesa de Lugo, da rúa Soto Freire ou da Praza Agro do Rolo, así como a peonalización de Quiroga Ballesteros e a Praza da Milagrosa, que está prevista para os vindeiros meses.
Lugo debulla o seu proxecto smart perante os impulsores de A miña cidade intelixente
Compartir Este Artigo
